O alcalde salienta a cohesión e o compromiso do sector e reivindica o modelo de convivencia turística: “Nin masificación, nin turismofobia, sentidiño”. A concelleira Rocío Cochón traslada o balance “moi positivo” de 2025 que fai o sector e resalta o forte crecemento, o perfil cada vez máis internacional e desestacionalizado e a consolidación dunha estratexia enfocada á sustentabilidade e á calidade.
A Mesa de Turismo de Poio celebrou esta semana no Casal de Ferreirós a súa terceira reunión presidida polo alcalde, Ángel Moldes e na que participaron unha trintena de representantes das distintas actividades turísticas, as administracións e o tecido social e económico do municipio.
Á reunión asistiron, entre outros, representantes das empresas de aloxamento nas súas distintas modalidades, vivendas de uso turístico, servizos turísticos, navieiras, hostalería ou comercio, así como unha representación do tecido cultural, deportivo e veciñal e administracións como Turismo de Galicia, Turismo Rías Baixas ou os GALP Ría de Pontevedra.
O alcalde, Ángel Moldes, agradeceu expresamente o compromiso do sector e puxo en valor a cohesión existente: “Podemos presumir dunha das Mesas de Turismo máis representativas, como pouco, de Galicia. Aquí están presentes todas as sensibilidades e todos entendemos que se o turismo vai ben, vaille ben a todo o concello”.
O rexedor subliñou que o turismo ten un papel clave no bo momento que vive o concello, destacando que “non é o traballo dun só, senón o resultado da implicación colectiva”, e facendo un chamamento a “seguir traballando da man porque será o éxito de todos”.
Moldes puxo en valor o liderado en distintos ámbitos como líder provincial en tránsitos, e destacou o impacto dos grandes eventos deportivos como ferramenta clave de proxección e dinamización económica. “O turismo non é inimigo de ninguén. Nin masificación nin turismofobia: sentidiño”, afirmou, reivindicando o modelo de convivencia turística de Poio, no que “hai espazo para todos dentro da legalidade e do respecto”.
BALANCE DE 2025 E PLANS PARA 2026: MÁIS INTERNACIONALIZACIÓN, MÁIS DESESTACIONALIZACIÓN E MÁIS CALIDADE
A continuación, a concelleirade Turismo, Rocío Cochón trasladou o informe detallado, no que fixo un balance da presenza de Poio en FITUR; destacouos datos do sector en Poio, repasou as actuacións máis importantes do pasado ano e trazou as principais liñas de acción, os proxectos e retos do departamento para 2026.
Cochón realizouun balance moi positivo de 2025, un ano marcado por un crecemento sostido da oferta de aloxamento -4.783 prazas, un 4% máis que o ano anterior-, e subliñou a apertura de novos establecementos e o anuncio da recuperación e posta en marcha de varios proxectos hoteleiros. Destacou tamén o aumento na taxa de ocupación, cun récord histórico en xullo, e un perfil de visitante cada vez máis internacional. Subliñou tamén os avances na desestacionalización e a consolidación dunha estratexia centrada na calidade, a sustentabilidade e a internacionalización.
Cochón tamén fixo referenciaao liderado de Poio en turismo náutico, grazas aos 716 tránsitos do Porto Deportivo de Combarro, de 21 nacionalidades distintas que o converten no máis activo da provincia, cun perfil moi interesante: Os estudos cuantifican en 200 € diarios o impacto económico de cada embarcación que recala nun porto Deportivo”.
Resaltou o forte pulo do turismo xacobeo, que estase a consolidar como un dos principais fluxos en volume, internacional e non estacional. Á espera de coñecer os últimos datos detallados, en 2025 a cifra de peregrinos nas dúas variantes que atravesan Poio “aumentou considerablemente”, con dous de cada tres peregrinos de orixe estranxeira. Cochón destacou a instalación do Punto de Atención ao Peregrino, unha iniciativa pioneira que recibirá aos camiñantes a partir desde 2026, e outras actuacións.
No ámbito gastronómico, puxo en valor a consolidación de TapeaPoio -que en maio celebrará a súa terceira edición- e da programación en torno á Ameixa de Campelo como ferramentas clave de dinamización fóra de tempada. Tamén resaltou outra das sinais de identidade de Poio co turismo coloniano, onde salientou a reapertura da Casa Museo de Colón, con máis de 700 visitantes en 2025, a construción do Parque de Colón en Ánkar e o acordo de irmandamento con Baiona.
No eido deportivo, destacou o impacto de máis de 4 millóns de euros da saída de La Vuelta en setembro, que amosou a capacidade de Poio para albergar probas importantes e o comportamento exemplar da veciñanza, e destacou a celebración de torneos de base para atraer visitantes e proxectar a imaxe do municipio.
Entre outros elementos que contribuíron aos bos resultados de 2025 destacou o Nadal en Poio, como motor de atracción fóra de tempada, e o potencial de Poio como escenario audiovisual.
Durante a lectura do informe, foron tomando a palabra distintos integrantes da mesa, como a concelleira de Promoción Económica, María José González, que salientou o portal de emprego municipal como ferramenta á disposición do sector para axudar no problema da falla de persoal especializado. Tamén interviu Laura Nieto, xerente do GALP Ría de Pontevedra, que puxo en valor as axudas deste grupo para financiar proxectos públicos e privados relacionados co turismo e vencellados ao mar. Ademais, Eva Piñón en representación da Mancomunidade do Salnés, explicou algúns datos clave das variantes xacobeas que cruzan Poio e Javier Ruiz de Cortázar, presidente de Asnauga, falou sobre o potencial do turismo náutico, particularmente en Poio e por parte da Mancomunidade do Salnés.
Finalmente, a concelleira avanzou novos proxectos orientados a reforzar a coordinación co sector, mellorar a experiencia dos visitantes e seguir consolidando un modelo turístico equilibrado. “Queremos seguir facendo de Poio un destino referente e o mellor lugar tanto para visitar como para adicarse ao turismo”, concluíu.
“Sigamos traballando para ofrecer ao mundo un destino extraordinario e de calidade os 365 días do ano. Sigamos traballando e construíndo Poio Único”.