Juan De Sola presenta no Casal de Ferreirós este xoves (20.00h) o seu último libro, que retrata a vida de Ramón García Martínez tras sobrevivir ao campo de concentración de Mauthausen. “Érase unha vez… a paz” é un contacontos dramatizado e musicado que se celebra este domingo no local da Comunidade de Montes de San Xoán, na Seca (18.00h). En colaboración cos colexios organizarase a actividade “As Tetepaz”, unha escusa para xuntarse, compartir, escoitar, observar e empatizar.
O Concello de Poio conmemora o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, que se celebra este venres día 30, cunha programación cultural e educativa dirixida a todos os públicos, que inclúe a presentación do último libro do xornalista Juan De Sola, “Entre los muros del olvido”, o espectáculo familiar “Érase unha vez… a paz” e actividades nos centros escolares do municipio.
A primeira das citas é este xoves, día 29, ás 20.00 horas no Casal de Ferreirós, coa presentación do libro “Entre los muros del olvido”. Juan de Sola afonda na vida de Ramón García Martínez, veciño de Campañó que sobreviviu aos 186 escalóns do campo de concentración nazi en Mauthausen.
No acto, ademais do autor, participarán o alcalde de Poio, Ángel Moldes, así como as dúas fillas de Ramón García, Silvana e Mayte. O libro combina o drama histórico cunha crónica íntima de superación, destacando valores como a solidariedade, a memoria e a resiliencia humana.
De Sola é xornalista especializado en Dereitos Humanos, Solidariedade e Comunicación para o Cambio Social. Suma máis de trinta anos en medios nacionais de radio e prensa.
A programación cultural continuará o domingo, 1 de febreiro, cunha proposta dirixida ao público familiar: “Érase unha vez… a paz”. Un contacontos dramatizado e musicado, da man de Leucoíña Pasea, que se celebrará no local da Comunidade de Montes de San Xoán, na Seca, ás 18.00 horas e con entrada libre ata completar aforo.
Este contacontos mestura a narración oral e a música en directo para achegar ás familias contos e cancións que se inspiran na conmemoración do Día da Paz. Os protagonistas desta historia musicada falarán de tolerancia, solidariedade, concordia e moitos máis valores. As familias non só gozarán do espectáculo, senón que participarán de forma activa nel cantando e acompañando con instrumentos percutivos.
Ademais, o Concello de Poio colabora tamén cos centros escolares do municipio na organización da actividade “As Tetepaz”, unha iniciativa que busca crear espazos de encontro e diálogo entre o alumnado e coas súas familias, fomentando a escoita activa, a observación, a empatía e o intercambio de ideas, para reflexionar sobre os valores da convivencia, o respecto e a resolución pacífica dos conflitos.
Con esta programación, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa educación en valores e a promoción dunha sociedade máis xusta, solidaria e empática.