Veciños da zona alertaron da situación, que se notificará ao Seprona.
O Concello de Poio denuncia unha situación grave detectada no miradoiro de Chancelas, onde supostamente estarían danando de maneira intencionada varias árbores para provocar o seu secado e forzar a súa tala.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, que se desprazou ata o lugar, recorda que este tipo de prácticas supoñen un atentado contra o patrimonio natural, a paisaxe e o interese xeral, ademais de poder constituír unha infracción administrativa grave e mesmo un delito medioambiental.
Foron varios veciños quen trasladaron o aviso á administración local, así como as súas sospeitas de que o obxectivo último pode ser evitar que esas árbores entorpezan as vistas cara a ría. Desde o Concello de Poio non descartan ningunha hipótese, e tras unha primeira inspección todo indica que o secado das árbores é intencionado ao identificar varias picadas, marcas e cortes nos troncos. Toda esta información notificarase ao Seprona.
Asemade, lembran que as árbores e as zonas verdes son bens públicos protexidos e que calquera actuación sobre elas debe estar debidamente autorizada e xustificada por criterios técnicos, nunca por intereses particulares. A retirada destas árbores secas, polo seu tamaño e peso, supón unha actuación difícil e custosa para as arcas municipais.
Desde o Concello de Poio agradecen a colaboración da cidadanía e insisten na importancia de que, ante calquera comportamento sospeitoso ou daniño contra a arborada ou os espazos naturais, se comunique de inmediato aos servizos municipais ou ás autoridades competentes.