O concello anima a veciños e visitantes a descubrir estes espazos, xa consolidados como puntos de encontro familiares e que están repartidos en lugares emblemáticos de todo o municipio.
O Concello de Poio prepara unha ponte chea de ambientación festiva e ilusión coas súas Aldeas de Nadal, repartidas estratexicamente por distintos lugares emblemáticos de todo o municipio. Animan a todas e todos a aproveitar estes días para percorrer estes espazos temáticos, que desde hai dous anos se teñen convertido en auténticos focos de encontro familiar e nun dos principais atractivos da programación navideña local.
As Aldeas de Nadal ofrecen casetiñas de madeira, decoracións coidadas, figuras de elfos, renos… iluminación especial e moitos detalles pensados para que tanto crianzas como persoas adultas poidan deixar voar a imaxinación e gozar dun ambiente acolledor e festivo. Un circuíto perfecto para visitar en familia, pasear e descubrir a maxia do Nadal en contornas cheas de encanto.
Estas sete Aldeas de Nadal de Poio están situadas na praza Alfredo Romay, ao carón dos muíños de Samieira; no parque Costa Xiráldez, en Lourido; no Adro de San Salvador; na Praza da Chousa, en Combarro; no porto de Raxó; na Praza da Granxa,Campelo: e na contorna da Igrexa de San Martiño. Cada unha delas conta cunha identidade propia e unha escenografía adaptada á súa contorna, converténdose en paradas obrigadas para quen quere mergullarse no espírito destas datas.
Ademais, en Combarro a programación amplíase cun Mercadillo de Nadal organizado pola asociación Leucoiña, que ofrece produtos artesáns, propostas creativas e un ambiente perfecto para atopar agasallos especiais, tomar algo ou simplemente gozar dun paseo entre postos decorados con mimo. O horario de apertura será: fins de semana e festivos, de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas; e os venres, de 16.30 a 20.30 horas.
Desde o Concello de Poio convidan así á cidadanía e ás persoas que visiten o municipio neste ponte a coñecer estas Aldeas de Nadal, unha proposta pensada para todos os públicos e que promete encher de luz, maxia e tradición os recantos máis emblemáticos do territorio.

UNHA PROGRAMACIÓN ATRACTIVA, DE CALIDADE E GRATUÍTA
A programación do Nadal promete sorprender, emocionar e encher de vida todas as parroquias do municipio. Este ano, a maxia vén protagonizada polos Elfos do Nadal de Poio, simpáticos personaxes que percorrerán as distintas parroquias para sorprender a veciños e visitantes e convidar a sumarse ao espírito festivo destas datas.
Eles serán o fío condutor para que cada Aldea sexa un lugar máxico con animación, música e bailes especiais da man de Javi Solla e Tere, completándose con actividades de animación na rúa organizadas por diferentes colectivos a longo de todo o Nadal, como teatro, batucadas, obradoiros, contos, panxoliñas, música ou mesmo un anticipo das badaladas de fin de ano. Todas as datas e lugares pódense consultar nas redes sociais do Concello de Poio e na súa páxina web.
Na Seca, instalarase de novo a carpa Poio Máxico, que se inaugurará o venres 19 de decembro, e que será escenario de obradoiros, zona de xogos e das actuacións máis destacadas desta tempada, como o concerto da Gramola Gominola (19 de decembro), o musical Os Tres Porquiños (20 de decembro), sesións de maxia con Iago Saavedra, Óscar Fernández e o Mago Paco (21 e 25 de decembro), a Aldea Musical do Nadal con Nelson Quinteiro (26 de decembro), o espectáculo da Pirata Lola (3 de xaneiro) ou o espectáculo internacional Pica Pica (4 de xaneiro). Todos estes espectáculos serán con entrada gratuíta e dirixidas para todos os públicos.
Ademais, a programación inclúe a tradicional papanoelada moteira polas estradas do municipio (21 de decembro), a visita de Papá Noel ás parroquias (24 de decembro), a carreira San Silvestre (31 de decembro), e, con respecto aos Reis Magos, este ano repetiran experiencia con dobre parada: o día 5 para visitar todas as parroquias e o 6 para despedirse de todos os nenos de Galicia desde Poio, cunha cabalgata participativa que rematará cunha gran festa de animación infantil no entorno da Carpa Poio Máxico.