Haberá sorteos, premios e chocolatada para os asistentes, que xa se poden anotar en sansilvestrepoio@gmail.com. Está destinada para todas as idades, e desde a organización animan a asistir disfrazados para impregnar de ambiente festivo o Nadal.
O Concello de Poio, en colaboración con Protección Civil, a Asociación de Veciños de Campelo e o Club Atletismo Illa de Tambo, pon en marcha a segunda edición da San Silvestre, que terá lugar na tarde do 31 de decembro, entre Campelo e A Seca. Esta iniciativa incorporouse por primeira vez á programación de Nadal o pasado ano, acadando un grande éxito de participación e destacando polo seu ambiente deportivamente festivo.
O concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, subliña que se trata dunha carreira pensada para desfrutar en familia, coas amizades e coa veciñanza, despedindo o ano de maneira activa e divertida. Ademais do apartado deportivo, a xornada contará con sorteos, agasallos e unha chocolatada final. Estableceranse premios para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina, así como para o adulto e menor mellor caracterizados para recibir o novo ano. Por iso, Muíños anima a todos os participantes, grandes e pequenos, a acudir disfrazadas con motivos propios do Nadal.
A proba contará con dous percorridos. Para o público adulto, celebrarase unha carreira cunha distancia aproximada de tres quilómetros, con saída ás 16:30 horas desde Campelo e chegada na Seca, pasando polo Camiño da Cachada, Os Mouchos e Beiramar, e continuando polo camiño do Castelo, Casal, Travesía da Seara e A Reiboa. Unha vez rematada, desenvolveranse tres circuítos infantís adaptados ás diferentes idades das crianzas nas inmediacións da Seca.
As inscricións son gratuítas e poden formalizarse ata o 29 de decembro a través do correo sansilvestrepoio@gmail.com, indicando nome e apelidos, número de DNI, ano de nacemento, enderezo e teléfono de contacto.
A recollida de dorsais farase o mesmo día da proba na Praza da Granxa, Campelo, para os maiores de 18 anos e, no caso dos menores, poderán recollelos na Reiboa ata media hora antes do inicio da súa proba.