Máis de 700 nenos e nenas integran as Escolas Deportivas do Concello de Poio

27/11/2025

Ángel Moldes visitou a Escola Deportiva de Atletismo na Reiboa, onde anunciou a próxima creación dunha nova pista de atletismo. Os clubs reciben unha axuda municipal de 100 euros por neno e curso para sufragar gastos de funcionamento.

As Escolas Deportivas do Concello de Poio contan este curso con 723 nenos inscritos nas doce modalidades deportivas que se ofrecen en colaboración cos clubes locais: desde fútbol e fútbol sala, ata balonmán, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, atletismo, kick-boxing e rugby.

Unha cifra que se mantén con respecto ao curso pasado, sendo as disciplinas máis demandadas o fútbol e fútbol sala, con 200 e 146 nenos inscritos, seguido de ximnasia rítmica (79), balonmán (76), ciclismo (55) ou kick boxing (51).

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado do concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, asistiu a un dos adestramentos da Escola deportiva de atletismo, que se desenvolve na Reiboa, e na que participan preto de 50 rapaces. “O deporte é fundamental para a rapazada, ofrécelles unha alternativa ao seu tempo de lecer ao mesmo tempo que contribúe a mellorar o seu benestar, facilita a socialización e fomenta outro tipo de valores”, destacou.

Ademais, recordou que o Concello de Poio asina un convenio anual cos clubs, aos que lles concede unha axuda de 100 euros por neno e curso para sufragar gastos de funcionamento de todas as Escolas Deportivas. Unha axuda que se incrementa no caso de nenas e nenos das familias de Poio con menos recursos e cuxa situación estea acreditada polo departamento de Servizos Sociais. Neses casos están eximidos de pagar as cotas de inscrición ao darse de alta nalgunha destas modalidades, cotas que asume a maiores o Concello de Poio.

“Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, non só coa celebración de eventos deportivos ou ampliando e mellorando as instalacións deportivas municipais, tamén o fai apoiando a base”, engadiu.

O alcalde puxo en valor que o Concello de Poio vai crear unha nova pista de atletismo de seis rúas e unha soa cola ao redor do campo de fútbol da Reiboa. Un proxecto que vai contar cun investimento total de 183.984,96 euros e será financiada con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.

Así, explicou que esta nova infraestrutura permitirá responder á crecente demanda da veciñanza e dos clubs locais, así como ampliar e diversificar a oferta deportiva municipal, dotando á contorna da Seca dunha instalación moderna, versátil e preparada para o adestramento e competición de atletas de toda a comarca.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio