O encontro, que incluirá un taller práctico, terá lugar o martes 2 de decembro no Casal de Ferreirós. As iniciativas deben responder aos obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP-RP.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra (GALP-RP) ) continúa co seu labor de difusión territorial das axudas no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) coa celebración dunha nova xornada informativa en Poio, que terá lugar o vindeiro martes 2 de decembro ás 19:00 horas no Casal de Ferreirós, en colaboración co Concello.
Esta iniciativa enmárcase nas accións do GALP para facilitar que a cidadanía, entidades locais e tecido económico coñezan de primeira man as posibilidades de financiamento de proxectos que favorezan o desenvolvemento sostible das zonas costeiras. Trátase de achegar ferramentas e acompañamento ás persoas interesadas en presentar iniciativas relacionadas coa posta en valor dos recursos mariños, a diversificación da economía local, a mellora do benestar social ou a protección do patrimonio natural e cultural.
A xornada contará cun formato participativo dividido en tres bloques: unha presentación das axudas ao abeiro Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), un espazo de networking para promover o intercambio de ideas e un taller práctico centrado nos pasos necesarios para formular unha proposta de proxecto, pensado especialmente para persoas sen experiencia previa na solicitude deste tipo de fondos.
A asistencia é de balde, mais requírese inscrición previa a través do formulario dispoñible ou contactando co equipo técnico do GALP Ría de Pontevedra no teléfono 886 213 015.