Pica Pica fará parada en Poio na súa xira de Nadal dentro dunha ampla e potente programación familiar

18/11/2025

A programación inclúe tamén o concerto da Gramola Gominola, teatro musical con Os tres porquiños e maxia familiar co Mago Paco. Todas as actividades son gratuítas e desenvolveranse na carpa Poio Máxico, instalada na Seca.

Concello de Poio adianta parte da súa programación de Nadal, que se dará a coñecer de maneira íntegra nos próximos días, e que incluirá actuacións, actividades e obradoiros totalmente gratuítos para todas as idades. Entre as citas máis destacadas atópase a visita do coñecido grupo infantil Pica Pica, que fará parada en Poio durante a súa xira navideña. A programación incluirá tamén o concerto de A Gramola Gominola, o teatro musical de Os tres porquiños e o espectáculo do Mago Paco.

Coincidindo coa saída do novo álbum dixital de Pica Pica, “Navidad Total”, o público poderá gozar en familia dos seus divertidos villancicos —incluídas cancións de recente estrea e grandes éxitos— nun espectáculo pensado para rir, bailar e compartir momentos inesquecibles. O trío formado por Belén, Nacho e Emi continúa cunha traxectoria de éxito iniciada en Madrid en 2011 e avalada polos máis de 10 millóns de subscritores e 8.000 millóns de reproducións no seu canal oficial de YouTube, polo que veñen de ser recoñecidos co Botón Diamante da plataforma. O espectáculo será o domingo, 4 de xaneiro, na carpa Poio Máxico que estará instalada na Seca (18.00 horas).

UN NADAL CHEO DE MAXIA, TEATRO E MÚSICA PARA TODA A FAMILIA

Tras o grande éxito acadado polos Cantajuegos e Juan D y Beatriz na pasada edición do Nadal, o Goberno local volve apostar por unha programación moi potente, atractiva e de calidade. Neste terceiro Nadal, o executivo conseguiu consolidar Poio como referente nestas datas, cunha proposta sólida e diversa que complementa á decoración das Aldeas de Nadal instaladas en todas as parroquias e que converte o municipio nun destino destacado para o público familiar.

Ademais, o Concello destaca que toda a programación é completamente gratuíta, co obxectivo de que todas as familias, sen excepción, poidan acceder a espectáculos de primeiro nivel. Esta aposta polo acceso universal contrasta con outras propostas, nas que unha familia de catro persoas pode chegar a pagar preto de 80 ou 100 euros para gozar dunha única actuación.

A Gramola Gominola traerá a Poio o venres 19 de decembro (18.00 horas) o “Especial Nadal”, un espectáculo musical baseado no libro-disco O Nadal coa avoa Fina, onde non faltarán o Apalpador, humor, rock&roll e cancións para cantar e bailar en familia.

Con respecto ao teatro musical Os tres porquiños, con bonecos a tamaño real, fará unha revisión contemporánea da coñecida fábula, que incorpora a Xan e Xiana, dous exploradores que viaxan polo bosque para coñecer os seus personaxes favoritos. A cita será o sábado, 20 de decembro (18.00 horas).

Tampouco faltará na programación do Nadal en Poio o Mago Paco coa súa proposta de maxia para toda a familia, un espectáculo para sorprender, entreter e achegar a ilusión do Nadal aos máis pequenos e maiores. O xoves, 25 de decembro, ás 18.00 horas.

INAUGURACIÓN DO NADAL EN POIO O 29 DE NOVEMBRO

Poio inaugurará o seu Nadal o vindeiro sábado, 29 de novembro, cunha festa na Praza do Mosteiro, con animación, música e conta atrás para o acendido das luces. As Aldeas estarán situadas na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico volverase instalar na Seca.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio