A campaña do 25N do Concello de Poio chega ás aulas para previr e sensibilizar fronte ás violencias de xénero

13/11/2025

Alumnado do IES participa no obradoiro “Desarmando masculinidades, reconstruíndo feminidades”, unha proposta para repensar e cuestionar os roles de xénero tradicionais.

O Concello de Poio puxo en marcha esta semana o obradoiro “Desarmando masculinidades, reconstruíndo feminidades” no IES, unha das actividades incluídas na campaña municipal polo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Natividad Torres, participaron na primeira das sesións co alumnado de 4º da ESO, que se desenvolverán ao longo deste mes no centro educativo.

Esta iniciativa forma parte da ampla programación de actividades que o Concello organiza durante o mes de novembro co obxectivo de previr, sensibilizar e concienciar á cidadanía fronte ás violencias machistas. A campaña deste ano, baixo o lema “Construíndo o home do futuro. 25N, novas masculinidades”, pon o foco na mocidade e na educación en igualdade como ferramentas fundamentais para combater a violencia de xénero.

O obradoiro parte da idea de que durante a adolescencia as persoas comezan a consolidar a súa identidade persoal e social, nun proceso no que as construcións de xénero xogan un papel central. As mensaxes culturais, familiares, mediáticas e escolares seguen transmitindo modelos hexemónicos sobre o que se espera de homes e mulleres, limitando o abano de posibilidades identitarias e reforzando estereotipos que perpetúan desigualdades, violencias e discriminacións.

“Desarmando masculinidades, reconstruíndo feminidades” ofrece un espazo seguro e creativo no que o alumnado pode cuestionar esas normas impostas, explorar referentes alternativos e identificar novas formas de ser, estar e sentir como homes e mulleres, máis diversas e respectuosas coa diferenza. A través do xogo serio e da creación de modelos simbólicos con legos, axúdase ao alumnado a conectar coas súas emocións, vivencias e percepcións sobre o que significa ser home ou muller, promovendo unha experiencia na que poñer en dúbida crenzas limitantes sobre o xénero e construír novas narrativas máis libres e xusta.

MAIS DUNHA DECENA DE ACTIVIDADES DURANTE TODO O MES

A campaña municipal do 25N inclúe máis dunha decena de actividades pola igualdade e contra a violencia de xénero, co obxectivo de levar esta mensaxe ás rúas, ás escolas e ás redes sociais, implicando á veciñanza na construción dun municipio libre de violencias machistas.

Desde o Concello de Poio tamén teñen aberto neste momento o prazo para inscribirse na Andaina Violeta, que se organiza o domingo 23 entre a Praza da Chousa de Combarro e Campelo (10.00 horas). As persoas interesadas en participar poden anotarse a través do enderezo electrónico igualdade@concellopoio.org.

Ademais, tamén están en marcha outras actividades, como o curso de autoprotección e defensa persoal no que participan máis de 20 mulleres, ou as xornadas “Tolerancia 0 a calqueira idade”, no Casal de Ferreirós en colaboración coa Confederación Estatal de Maiores Activos, para promover a igualdade entre as persoas maiores.

Nos centros de ensino, ademais do obradoiro “Desarmando masculinidades, reconstruíndo feminidades” tamén se organizarán sesións sobre “previr a violencia de xénero en aplicacións específicas de Intelixencia Artificial”; para “Desmontar aos influencers e youtubers”, sendo conscientes de que hai máis de 7.500 creadores de contido que teñen un gran impacto na percepción dos menores de idade sobre hábitos de alimentación, do aspecto físico e da economía; así como contacontos sobre “Prevención da violencia e ciberseguridade”.

PROGRAMACIÓN COMPLETA DO 25N EN POIO

“IA e prevención de violencia de xénero”. Obradoiro práctico dirixido ao alumnado de 2º da ESO do IES de Poio, con traballos sobre casos reais e aplicacións de intelixencia artificial vinculadas á detección e prevención da violencia de xénero.

“(Des)armando masculinidades, (Re)construíndo feminidades”. O obradoiro desenvolverase no IES de Poio para o alumnado de 4º da ESO. Convida a reflexionar sobre a construción da identidade de xénero e fomentar novas narrativas máis libres e igualitarias.

Contacontos sobre prevención da violencia e ciberseguridade.
Dirixidos ao alumnado de primaria, estes contacontos abordarán a prevención da violencia e o uso responsable das redes sociais.

“Desmontando os influencers e youtubers”. Para o alumnado de 3º da ESO do IES de Poio, este taller busca fomentar o espírito crítico fronte á influencia das redes sociais e das figuras mediáticas na adolescencia. En España hai máis de 7.500 creadores e creadoras de contido que viven destas actividade e que teñen un grande impacto na percepción dos menores cara o aspecto físico, hábitos de alimentación, a economía e os roles de xénero.

“Tolerancia 0 a calquera idade: promoción da igualdade en persoas maiores” (11 e 13 de novembro). Curso organizado pola Confederación Estatal de Maiores Activos en colaboración coa Concellería de Benestar Social, dirixido a persoas maiores de 60 anos.

Autoprotección e defensa persoal para mulleres (12 e 15 de novembro). O obradoiro ten como finalidade facilitar ferramentas prácticas e teóricas de autodefensa, xestión do estrés e aumento da confianza persoal ante situacións de risco. Con entrada libre e inscrición previa no CIM.

“Andaina Violeta”. Trátase dunha marcha simbólica e participativa que sairá o domingo 23 de novembro ás 10.00 horas da Praza da Chousa (Combarro) ata Campelo, onde se lerá o manifesto elaborado polas asociacións do Consello Municipal da Muller e se proxectará un vídeo documental coas experiencias dos talleres previos. As inscricións para participar realizaranse a través do correo igualdade@concellopoio.org, e as 300 primeiras persoas recibirán un agasallo conmemorativo.

Exposición “Expressarte: 15 visións”. Mostra artística da Secretaría Xeral da Igualdade e a FEMP, composta por fotografías de 15 mulleres vítimas de violencia de xénero, reinterpretando obras emblemáticas da historia da arte desde unha perspectiva de xénero. A exposición poderá visitarse no IES de Poio do 24 de novembro ao 16 de decembro.

Acto institucional do 25N. O martes 25, ás 12.00 horas, terá lugar diante da Casa Consistorial o parón e lectura do manifesto, reafirmando o compromiso de Poio como concello libre de violencia de xénero.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio