O Servizo de Atención Temperá achégase ás familias a través das escolas infantís de Poio

10/11/2025

Organizan encontros coas nais e pais nos tres centros de 0-3 anos que hai no municipio: a primeira cita é este xoves, día 13, na Escola Infantil Trastes. Trátase dun servizo gratuíto que conta con psicóloga, logopeda e fisioterapeuta pediátrica que se ofrece coa colaboración da Consellería de Política Social.

O Servizo de Atención Temperá de Poio continúa traballando para achegarse a todos os menores e familias que precisan desta atención, e por iso nos próximos días organizarán encontros coas nais e pais nas tres escolas infantís 0-3 anos que hai no municipio. O primeiro destes encontros será este xoves, día 13, ás 16.15 horas na Escola Infantil Trastes, e nas seguintes semanas pecharanse as sesións na Galiña Azul e Saíñas.

Desde o Concello de Poio destacan que acompañar o desenvolvemento infantil é unha tarefa compartida entre familias, centros e profesionais. Por iso, estas charlas teñen como obxectivo dar a coñecer o traballo do Servizo de Atención Temperá, fomentar a colaboración entre todos os axentes implicados e promover o desenvolvemento integral dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida.

Durante os encontros, ofreceranse claves para detectar sinais de alerta sobre posibles atrasos no desenvolvemento, así como consellos prácticos sobre como estimular axeitadamente o desenvolvemento dos menores a nivel cognitivo, motor, social e da linguaxe.

Estas charlas brindan información e ferramentas para que nais e pais se sintan seguros no coidado dos seus fillos, participen de xeito activo no proceso educativo desde os primeiros meses e compartan experiencias con outras familias, xerando redes de apoio e acompañamento.

A Unidade de Atención Temperá de Poio é un servizo público e gratuíto posto en marcha en xuño e que xa está marcando unha diferenza significativa na vida de máis de 60 nenas e nenos menores de 6 anos no concello, converténdose nun verdadeiro antes e despois para moitas familias. Ten como finalidade previr, detectar e intervir ante dificultades no desenvolvemento infantil en crianzas de 0 a 6 anos. Conta cun equipo profesional formado por unha psicóloga, unha logopeda e unha fisioterapeuta pediátrica, que atende na Casa Rosada.

Neste tempo realizáronse un total de 599 intervencións, cun tempo medio de espera para o acceso ao servizo de apenas unha semana e sen lista de agarda, o que garante unha resposta áxil e eficaz ás necesidades das familias. A idade media de entrada no servizo sitúase entre os 4 e 5 anos. As primeiras consultas no servizo son para facer unha valoración e diagnose e, a partir dese momento, prográmanse as intervencións que precisa cada caso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio