A campaña de Poio para o 25N fai fincapé nas novas masculinidades para construír o home do futuro

06/11/2025

O alcalde Ángel Moldes presentou a programación que se estenderá durante todo o mes de novembro e que está especialmente enfocada en transformar as relacións de xénero desde a mocidade. Inclúe máis dunha decena de actividades pola igualdade e contra a violencia de xénero para levar esta mensaxe ás rúas, á escola e ás redes sociais.

O Concello de Poio pon en marcha unha ampla programación de actividades ao longo do mes de novembro co obxectivo de previr, sensibilizar e concienciar á cidadanía fronte ás violencias machistas. A campaña deste ano, baixo o lema “Construíndo o home do futuro. 25N novas masculinidades”, pon o foco na mocidade e na educación en igualdade como ferramentas fundamentais para combater a violencia de xénero.

O alcalde, Ángel Moldes, a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e a directora do CIM, Raquel Morales, participaron esta mañá na presentación dunha campaña “moi potente, clara, directa e reflexiva”, enfocada especialmente en transformar as relacións de xénero desde a mocidade, baseándoas no respecto, na empatía e na igualdade. A campaña inclúe máis dunha decena de actividades pola igualdade e contra a violencia de xénero para levar esta mensaxe ás rúas, á escola e ás redes sociais.

Segundo explicou Moldes, “non se pode combater a violencia de xénero sen educar en igualdade. Queremos unha mocidade formada, crítica e con voz, capaz de identificar as desigualdades e de rexeitar calquera forma de maltrato. Nesta liña, engadiu que “a sociedade evoluciona, pero moitos modelos culturais e mediáticos seguen transmitindo estereotipos que sustentan a violencia. Debemos mudar esas bases se queremos un futuro máis xusto ”.

Unha idea que reforzou tamén Raquel Morales, ao recordar que na etapa da adolescencia o alumnado comeza a consolidar a súa identidade persoal e social e neste proceso as construcións de xénero xogan un papel central”. Así, indicou que “cuestionando os modelos tradicionais e hexemónicos, baseados na dominación, violencia e rixidez de roles de xénero, podemos conseguir un cambio cultural que fomente a corresponsabilidade no fogar, a expresión emocional sen tabús e a erradicación da violencia de xénero. Non se busca impoñer un modelo único de ser home, senón cuestionar as actitudes e comportamentos que perpetúan desigualdades e violencia”.

Pola súa banda, Natividad Torres destacou a necesidade dun cambio profundo nos roles tradicionais, reivindicando “unha igualdade real e viva, fronte a unhas tecnoloxías frías e a unha intelixencia artificial que pode imitar moito, pero nunca igualará a combinación de cerebro e corazón”.

PROGRAMACIÓN DO 25N EN POIO

“IA e prevención de violencia de xénero”. Obradoiro práctico dirixido ao alumnado de 2º da ESO do IES de Poio, con traballos sobre casos reais e aplicacións de intelixencia artificial vinculadas á detección e prevención da violencia de xénero.

“(Des)armando masculinidades, (Re)construíndo feminidades”. O obradoiro desenvolverase no IES de Poio para o alumnado de 4º da ESO. Convida a reflexionar sobre a construción da identidade de xénero e fomentar novas narrativas máis libres e igualitarias.

Contacontos sobre prevención da violencia e ciberseguridade.
Dirixidos ao alumnado de primaria, estes contacontos abordarán a prevención da violencia e o uso responsable das redes sociais.

“Desmontando os influencers e youtubers”. Para o alumnado de 3º da ESO do IES de Poio, este taller busca fomentar o espírito crítico fronte á influencia das redes sociais e das figuras mediáticas na adolescencia. En España hai máis de 7.500 creadores e creadoras de contido que viven destas actividade e que teñen un grande impacto na percepción dos menores cara o aspecto físico, hábitos de alimentación, a economía e os roles de xénero.

“Tolerancia 0 a calquera idade: promoción da igualdade en persoas maiores” (11 e 13 de novembro). Curso organizado pola Confederación Estatal de Maiores Activos en colaboración coa Concellería de Benestar Social, dirixido a persoas maiores de 60 anos.

Autoprotección e defensa persoal para mulleres (12 e 15 de novembro). O obradoiro ten como finalidade facilitar ferramentas prácticas e teóricas de autodefensa, xestión do estrés e aumento da confianza persoal ante situacións de risco. Con entrada libre e inscrición previa no CIM.

“Andaina Violeta”. Trátase dunha marcha simbólica e participativa que sairá o domingo 23 de novembro ás 10.00 horas da Praza da Chousa (Combarro) ata Campelo, onde se lerá o manifesto elaborado polas asociacións do Consello Municipal da Muller e se proxectará un vídeo documental coas experiencias dos talleres previos. As inscricións para participar realizaranse a través do correo igualdade@concellopoio.org, e as 300 primeiras persoas recibirán un agasallo conmemorativo.

Exposición “Expressarte: 15 visións”. Mostra artística da Secretaría Xeral da Igualdade e a FEMP, composta por fotografías de 15 mulleres vítimas de violencia de xénero, reinterpretando obras emblemáticas da historia da arte desde unha perspectiva de xénero. A exposición poderá visitarse no IES de Poio do 24 de novembro ao 16 de decembro.

Acto institucional do 25N. O martes 25, ás 12.00 horas, terá lugar diante da Casa Consistorial o parón e lectura do manifesto, reafirmando o compromiso de Poio como concello libre de violencia de xénero.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio