Ciclo de cine clásico todos os venres de novembro na Biblioteca Municipal de Poio

03/11/2025

A concelleira Natalia Sabarís explica que o obxectivo é recuperar a memoria dos cines clubes e a súa importancia social e cultural. A primeira proposta é “City Lights”, de Charles Chaplin ás 17.00 horas e con entrada de balde.

A Biblioteca Municipal de Poio acollerá durante todo o mes de novembro un Ciclo de Cine Clásico, unha actividade que ten como obxectivo recuperar a memoria dos antigos cine clubes e poñer en valor a súa importancia social e cultural.

Segundo explica a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, esta iniciativa busca “recrear o espírito comunitario que xurdía arredor das proxeccións colectivas e fomentar o coñecemento do cine clásico entre o público de todas as idades”.

As sesións terán lugar todos os venres de novembro, ás 17.00 horas, no baixo da Biblioteca Municipal, e a entrada será de balde ata completar aforo.

O ciclo arrincará coa proxección de “City Lights”, de Charles Chaplin, e continuará con títulos emblemáticos da historia do cine como “El Verdugo”, de Luis García Berlanga; “A Night at the Opera”, dos irmáns Marx; e “Singing in the Rain”, de Gene Kelly.

Esta proposta súmase á ampla programación que a biblioteca municipal ofrece neste último trimestre do ano, que se completará en decembro cun Mercado Literario, unha iniciativa de intercambio de libros entre as persoas usuarias da biblioteca. Os participantes poderán entregar ata tres libros en bo estado e recibirán vales para trocar por outros títulos doados por outros participantes, promovendo así a reutilización e o espírito solidario da lectura.

Ademais, na biblioteca tamén se colocarán centros de interese sobre a loita e prevención contra a violencia machista, ademais de organizar a tradicional decoración de Nadal cos usuarios da biblioteca así como o sorteo da Lotería de Libros a finais de decembro, co agasallo dunha cesta de libro entre as persoas que realicen máis empréstito de libros durante o último mes do ano.

A maiores, tamén continúa o Reto Lector 2025, unha iniciativa que se desenvolve durante todo o ano e que está destinada a fomentar a lectura e a espertar o gusto por diferentes xéneros narrativos que convida aos usuarios a ler unha proposta diferente para cada mes. Así, en novembro a proposta é ler unha novela epistolar e, para rematar o reto, un libro publicado na data do nacemento do participante para o mes de decembro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio