As inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro. Ofrécense máis de 50 horas de formación gratuíta durante todo o mes.
A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de novembro nove cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa, e que van desde creación de blogues e páxina web, manexo do móbil, deseño de carteis e follas de cálculo, ata cursos de memoria, iniciación á informática ou internet. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.
Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.
Os luns 3 e 10 de novembro continuarán impartíndose os talleres de memoria, unha actividade na que os participantes traballarán o estímulo mental, a percepción visual e a motricidade fina a través de xogos como puzzles, debuxos ou exercicios con cores.
“Iniciación ás follas de cálculo” impartirase nos niveis iniciación e medio. No primeiro caso, será do 4 ao 7 de novembro. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo na oficina. Ao finalizar o nivel de iniciación, o usuario coñecerá o funcionamento e conceptos básicos dunha folla de cálculo, poderá aplicar fórmulas sinxelas, modificar e crear documentos con varias follas.
O nivel medio impartirase entre os días 11 e 14, e aprenderase a facer uso das funcións de cálculo, aplicar formatos condicionados, inserir gráficas, etc.
A programación de novembro inclúe tamén “Manexo do móbil intelixente (smartphone)”, do 4 ao 7 de novembro para que o alumnado coñeza todas as posibilidades e ferramentas para sacar o máximo proveito do seu teléfono: desde como chamar, acceder a internet, sacar fotos e compartilas con outras persoas, etc.
“Deseño de carteis con Scribus” será do 11 ao 14 de novembro, e o alumando aprenderá o manexo dun programa específico para o deseño de carteis folletos e outros formatos de impresión.
Do 17 ao 21 de novembro está programada a formación “Iniciación á informática”, co que se pretende que o usuario obteña os coñecementos básico para manexar un ordenador, desde o acendido e apagado, o uso do rato, familiarización coa contorna gráfica, uso de arquivos e carpetas, etc.
Con respecto á formación “A túa páxina web con wordpress”, impartirase do 17 ao 20, e aprenderase a crear páxinas sinxelas e de xeito gratuíto, mentres que “Iniciación a Internet” organizarase entre o o 24 e 26 de novembro. O alumnado aprenderá unhas nocións básicas para procurar información na rede. Tamén do 24 ao 26 impartirase “Creación de Blogues”, no que aprenderán a crear e manter un blogue propio, unha das formas de comunicación na internet, elaborando, subindo e mantendo actualizado o contido.