Destacan que desde o Concello de Poio están facendo unha importante aposta na promoción e apoio ao deporte. “Estámonos consolidando como un referente na organización de eventos deportivos de primeiro nivel que ofrecen unha dobre oportunidade: por suposto no eido deportivo para vivir e disfrutar dunha competición desta calidade, pero tamén cun impacto moi relevante a nivel socioeconómico, atraendo visitantes e dinamizando a nosa economía”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o vicepresidente da real Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández, rubricaron esta mañá o acordo polo que a localidade pontevedresa albergará a primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub 14 e sub 16 masculinas. A cita terá lugar do 31 de outubro ao 2 de novembro e os escenarios elixidos son os campos de fútbol A Seca e A Reiboa, ubicados un carón do outro na mesma área deportiva.
O concelleiro de Deportes de Poio, Cándido Muiños, e o director deportivo da RFGF, Fran Carrillo, tamén participaron nunha reunión que serviu para ir perfilando todos os aspectos organizativos dun campionato no que van a participar uns 200 xogadores e técnicos pertencentes ás seleccións Sub14 e Sub16 das Federacións de Asturias, Melilla, Canarias e Galicia.

Calendario de competición
O campionato vai a desenvolverse en tres xornadas, todas elas de mañá. Haberá dous partidos no campo de A Seca e outros dous na Reiboa.
Comezarán cada xornada os infantís (Sub14) ás 10:00 e será ás 14:30 cando se disputen os dous encontros da categoría cadete (Sub16).

Galicia na procura do ascenso
A Real Federación Española de Fútbol modificou este ano o formato dos campionatos, separando as seleccións en Primeira e Segunda División. Na Primeira compiten as oito mellores Federacións en base á clasificación dos últimos catro anos e o resto conformarán a Segunda categoría. No caso da categoría masculina, Galicia quedou encadrada no Grupo 1 da Segunda División (son nove seleccións divididas en tres grupos) e o seu obxectivo é acadar o ascenso a Primeira para poder competir a vindeira tempada coas seleccións máis potentes do fútbol español.
Cómpre salientar que as seleccións de Primeira División loitarán polo título nacional e haberá dous descensos a Segunda, mentres que os de Segunda loitarán por ascender a Primeira con dúas prazas en xogo.
Impacto social e económico
Son catro Federacións as que conforman o grupo que ten a Poio como sede. Un total de 200 xogadores e técnicos e un movemento de familiares e afeccionados que se estima por enriba do milleiro de persoas.
Será polo tanto unha fin de semana con moito fútbol, pero tamén con moitos visitantes que xerarán uns importantes ingresos na localidade.
Agradecementos
José Manuel Fernández, vicepresidente da RFGF, agradeceu ao alcalde e ao concelleiro a súa magnífica predisposición para albergar este campionato “e máis con tan pouco tempo de marxe” destacando “as extraordinarias instalacións das que dispón o Concello de Poio para acoller eventos deste tipo”.
Pola súa banda, o alcalde Ángel Moldes destacou que desde o Concello de Poio están facendo unha importante aposta na promoción e apoio ao deporte. “Estámonos consolidando como un referente na organización de eventos deportivos de primeiro nivel que ofrecen unha dobre oportunidade: por suposto no eido deportivo para vivir e disfrutar dunha competición desta calidade, pero tamén cun impacto moi relevante a nivel socioeconómico, atraendo visitantes e dinamizando a nosa economía”.