O Concello de Poio concede a Medalla de Ouro a Protección Civil de Poio e á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra

01/10/2025

Ángel Moldes: “O mellor recoñecemento que podemos facerlle é amosar este consenso e unidade que hoxe demostramos para agradecer a súa colaboración e apoio constante”.

O Pleno extraordinario da Corporación Municipal de Poio aprobou onte por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro do Concello a dúas entidades fundamentais para a seguridade, o benestar e a convivencia no municipio: a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio e a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Trátase dunha das máis altas distincións recollidas no Regulamento de Honras e Distincións municipal, coa que o Concello quere expresar o recoñecemento sincero e o profundo agradecemento da veciñanza á incansable e exemplar labor de ambas institucións ao servizo da comunidade.

PROTECCIÓN CIVIL DE POIO: TRES DÉCADAS DE COMPROMISO DESINTERESADO

A concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, expuxo que desde a súa creación en 1994, Protección Civil de Poio converteuse nun piar esencial para o municipio, sendo exemplo de sacrificio, esforzo e entrega. Ao longo destes 30 anos, centos de persoas teñen formado parte da agrupación, ofrecendo o seu tempo e coñecementos de maneira totalmente altruísta.

Na actualidade conta con máis de 35 voluntarios e voluntarias, con idades comprendidas entre os 17 e os 66 anos, que están altamente formados en materia de emerxencias —desde primeiros auxilios ata a coordinación de dispositivos en grandes eventos—, converténdose nun referente non só en Poio, senón en toda Galicia.

A agrupación estivo sempre na primeira liña en momentos de emerxencia: incendios, inundacións, temporais, accidentes, apoio social ou en eventos culturais e deportivos, nos que ofrecen seguridade e tranquilidade á cidadanía. O seu labor durante acontecementos como o accidente do Prestige, a traxedia do Novo Marcos, ou a pandemia da COVID-19, é lembrado con especial respecto e admiración.

A GARDA CIVIL: PRESENZA CONSTANTE E COLABORACIÓN PERMANENTE

O Pleno tamén acordou conceder a Medalla de Ouro á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, recoñecendo a súa estreita vinculación histórica con Poio e a súa implicación continua coa seguridade e protección da veciñanza.

Este corpo realiza en Poio unha media anual de máis de 4.000 actuacións, que inclúen desde o apoio a vítimas de violencia de xénero ata actuacións en emerxencias, auxilios, operativos de tráfico, controis e investigacións.

Nas últimas décadas, a súa intervención foi clave en feitos como a erradicación de puntos de venda de drogas, o auxilio no afundimento dunha embarcación en 2017, ou a súa axuda durante as riadas e incendios de 2006.

A Garda Civil representa un baluarte da legalidade, da prevención e da seguridade cidadá, sendo unha peza fundamental na protección do benestar colectivo.

UN RECOÑECEMENTO UNÁNIME

A proposta, aprobada por unanimidade de todos os grupos da Corporación Municipal, pon de manifesto a vontade conxunta de render homenaxe a dúas institucións que simbolizan os valores de solidariedade, profesionalidade e servizo público.

“O mellor recoñecemento que podemos facerlle é amosar este consenso e unidade que hoxe demostramos para agradecer a súa colaboración e apoio constante”, resaltou o alcalde, Ángel Moldes, que anunciou tamén que as medallas entregaranse nas próximas semanas.

Ademais, engadiu que “todos eles, e de xeito especial os membros de Protección Civil de Poio, por ser persoas voluntarias, merecen o máximo respecto de todos e veciños e veciñas de Poio”.

Con esta Medalla de Ouro, o Concello de Poio quere deixar constancia do seu agradecemento eterno a Protección Civil e á Garda Civil polo seu traballo constante e exemplar, sempre ao carón da cidadanía.

AXUDAS SERVIZOS SOCIAIS E DEPORTES

No pleno ordinario de setembro, que tamén se celebrou onte, a corporación aprobou por unanimidade modificar a axuda que estaba destinada dentro do orzamento municipal para o programa Vacacións en Paz, que este ano non contou con ningunha familia participante en Poio, e destinar estes fondos ao programa “Urxencia alimentaria nos campamentos de refuxiados saharauis”, co obxectivo de seguir colaborando, neste caso en destino.

Ademais, tamén se aprobou outorgar unha axuda económica a favor dos deportistas locais Alejandro López Meira, na modalidade de ciclismo, e Lola Ferro Guiance, en ximnasia rítmica, en recoñecemento pola súa carreira e éxitos deportivos.

RESPOSTA DO GOBERNO

En resposta á moción sobre a situación sanitaria en Poio, a concelleira Rocío Cochón anunciou o voto a favor do seu grupo e resaltou que “este Goberno sempre está a favor de mellorar e, sobre todo, é coherente. Defendemos exactamente o mesmo cando estamos na oposición que agora desde o Goberno, algo que botamos en falta en vostedes”. Así, suxeriu aos grupos da oposición que deberían pedir perdón á veciñanza por “intentar enganar aos veciños con bulos, dicíndolles que íamos pechar o consultorio de Raxó cando o que se fixo foi o maior investimento da historia para mellorar a confortabilidade nese espazo; por non asistir ás mesas locais de sanidade, porque cando comprobades que non serven para confrontar e para o lío, non vos presentades; e, en terceiro lugar, por eses terreos que adquiriron, despois de 28 anos e en plena campaña electoral, perfectamente conscientes de que non estaban preparados nin de lonxe para acoller un centro de saúde”.

Cochón concluíu a súa intervención asegurando que están traballando: “asistimos ás reunións da Mesa da Sanidade, reunímonos cos médicos, cos farmacéuticos, coas demais administracións e coa veciñanza. Hai unha partida para o novo centro de saúde de Poio nos orzamentos da Xunta desde 2021 e nós xa nos puxemos en contacto cunha empresa para facer un estudo dos custes e as actuacións necesarias para adaptar ese terreo e poder construír o novo Centro de Saúde”. Con todo, recordou que “pídennos a nós que fagamos nun mandato o que vostedes non fixeron en sete”.

Con respecto á moción dos incendios, Rocío Cochón indicou que “Poio e Galicia fixemos os deberes”. Así, durante a súa quenda de intervención explicou que Poio é un dos poucos concellos con brigada propia de prevención e defensa contra incendios e foi o primeiro da provincia en poñela en marcha, coa colaboración da Consellería de Medio Rural. E, con respecto aos lumes que asolaron Galicia, puxo en valor que a Xunta, nunha situación excepcional, despregou o maior dispositivo da historia cunha máxima prioridade, defender casas e persoas.

Ademais, recordou que neste concello durante este verán houbo lumes moi puntuais que afectaron aproximadamente 0,2 hectáreas. É máis, nun dos lumes rexistrados en O Bao, explicaron que en 20 minutos estaba extinguido e no operativo participaron a brigada municipal, gardas forestais, Protección Civil de Poio, dotacións da Garda Civil, Emerxencias de Sanxenxo e do Salnés e bombeiros de Pontevedra, un amplo dispositivo para evitar que o lume se propagase ante a presencia de vivendas na súa proximidade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio