A saída de La Vuelta foi unha experiencia extraordinaria para Poio, cun impacto económico, turístico e social sen precedentes

11/09/2025

Ángel Moldes: “Poio demostrou que ten capacidade, ilusión, talento e compromiso para acoller eventos de primeiro nivel. Esta etapa da Vuelta foi moito máis que unha cita deportiva: foi un triunfo colectivo e unha oportunidade de cara o futuro”.

En Poio aínda sigue moi presente a etapa 16 de La Vuelta, que se converteu nunha experiencia extraordinaria para o municipio, amosándoo como un auténtico referente deportivo, turístico e organizativo. Unha cita histórica, que tivo un impacto a nivel económico e social sen precedentes, e que se viviu cun ambiente espectacular nas rúas.

Poio acolleu esta etapa da proba ciclista internacional con gran éxito organizativo e de participación. O alcalde, Ángel Moldes, agradece especialmente o “comportamento exemplar” da veciñanza e dos visitantes: “Foi algo incrible. Conseguimos facer historia, amosar ao mundo o mellor de Poio e vivir unha experiencia única que uniu a toda a veciñanza”.

Ademais, tamén puxo en valor a participación da veciñanza e colectivos locais: Protección Civil, clubs deportivos, centros educativos —que saíron á PO-308 para animar ao pelotón— e centos de veciños e veciñas que se achegaron a Combarro durante a montaxe, o día de descanso e o propio día da etapa: “O ambiente nas rúas de Poio foi constante xa desde o luns, cando moitas persoas se achegaban ata a Praza da Chousa para comprobar a montaxe e organización dunha das probas máis importantes do ciclismo mundial. E xa o martes, día da saída, o ambiente foi espectacular. Veciños e visitantes, grandes e pequenos, afeccionados ao ciclismo, centros de ensino… Todos quixeron ser testemuñas desta xornada histórica para Poio”.

O alcalde subliña que “a celebración desta etapa deixa claro que Poio está preparado para acoller grandes citas e seguir apostando polo deporte, o turismo e a proxección do noso potencial. Poio demostrou que ten capacidade, ilusión, talento e compromiso para acoller eventos de primeiro nivel. Esta etapa de La Vuelta foi moito máis que unha cita deportiva: foi un triunfo colectivo e unha oportunidade de cara o futuro”.

APARICIÓN DE POIO EN MEDIOS E REDES SOCIAIS DE TODO O MUNDO: UNHA PROMOCIÓN CUN VALOR SUPERIOR AOS 4M€

Ser saída de La Vuelta non só foi unha oportunidade a nivel deportivo, tamén a nivel económico, social e turístico. Poio foi protagonista dunha proba que se retransmite en 190 países do mundo, cun millón de espectadores de media por etapa e con millóns de espectadores nas redes sociais.

As imaxes de Poio difundíronse en todo o mundo. O concello tivo presencia non só en televisión, prensa ou radio, senón tamén en medios dixitais e redes sociais. Unha promoción internacional do concello sen precedentes e cun valor que por si mesmo o Concello de Poio non podería asumir. Segundo unha consultora especializada, o valor promocional que supón esta visibilidade mundial para Poio superaría os 4 millóns de euros. Durante a retransmisión da etapa 16, difundíronse imaxes de lugares emblemáticos de Poio como Combarro, a Senda do Laño, o Bosque de Colón, a Illa de Tambo, San Xoán… entre outros. A cobertura serviu para mostrar ao mundo a riqueza paisaxística, cultural e patrimonial do municipio.

IMPACTO DIRECTO NA ECONOMÍA LOCAL: PERMITE DINAMIZAR A HOSTALERÍA, RESTAURACIÓN E O COMERCIO

Pero ademais de todo o anterior, La Vuelta tamén tivo un impacto directo na economía local. Aínda que o punto de partida de La Vuelta foi a Praza da Chousa, a proba involucrou a todo o municipio: O helicóptero da carreira despegou desde A Seca; outros puntos de Combarro foron protagonistas da saída, como a Praza da Chousa, o paseo das Redeiras, rúa Maceiras ou os dous portos; e a caravana e o pelotón desprazouse ao longo da PO-308.

Só a caravana da proba mobiliza a máis de 3.000 persoas, entre ciclistas, equipos técnicos, medios de comunicación e persoal acreditado. Ao coincidir o luns anterior coa xornada de descanso da proba, persoal da organización, así como algúns equipos e xornalistas xa comezaron a chegar a Poio desde o domingo, o que supuxo unha ocupación hoteleira importante en todo o municipio. Esta chegada adiantada permitiu tamén dinamizar a hostalería e o comercio local durante varios días.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio