Ángel Moldes anima a encher as rúas o martes, vivir o ambiente de La Vuelta e participar nun evento que vai facer historia en Poio.
Máis de 200 persoas de todas as idades participaron esta mañá na iniciativa “Poio pedalea con La Vuelta”, unha ruta ciclista que encheu de ambiente festivo, deportivo e familiar as rúas do municipio. O percorrido, con saída e chegada na Praza do Mosteiro, pasou por O Muíño, Campelo, Cabeceira, Lourido e Liñares, converténdose nun verdadeiro escaparate da beleza paisaxística e do compromiso de Poio co deporte.
O evento rematou cun animado sorteo de agasallos —gorras, camisetas, botellas de auga, mochilas e outros obsequios— entre todos os participantes, premiando así a súa implicación nesta xornada previa a un momento histórico para o concello.
O alcalde, Ángel Moldes, que tamén se animou a facer a ruta, xunto a Tucho Muíños, concelleiro de Deportes; Evaristo Portela, director deportivo del equipo ciclista Superfroiz; e Paco Albar, presidente do Poio Bike, recordou a oportunidade que vai supoñer a saída de La Vuelta a España desde o municipio este martes: “viviremos unha xornada histórica que combinará deporte de élite, proxección internacional e participación cidadá, cun forte impacto económico e mediático para o noso concello”. Por iso animou a todos a encher as rúas, vivir o ambiente da carreira e participar nun evento que vai facer historia en Poio.
Nesta liña tamén se pronunciou Evaristo Portela, que sinalou que “o concello vai estar na mirada de todo o mundo este martes”, ao recordar que é unha das probas ciclistas máis importantes do mundo e que se retransmite en 190 países. Por iso recoñeceu a labor que está realizando o Concello de Poio tamén na promoción e apoio ao deporte.
Esta ruta ciclista organizada polo Concello de Poio contou coa colaboración de Poio Bike Club, de Froiz, motoclub A Rosa dos Ventos e Protección Civil de Poio.