Ángel Moldes: “Queremos ofrecer propostas que sexan dinámicas, entretidas e atractivas para gozar en familia”. Máis de 1.000 nenos e nenas regresarán ás aulas este luns nos centros escolares do municipio.
A praza da Reiboa, na Seca, converteuse esta tarde nunha explosión de cor, diversión e entusiasmo coa festa de benvida ao curso escolar, organizada polo Concello de Poio en colaboración co Centro Comercial A Barca. Centos de familias achegáronse desde as 18:00 horas para participar nunha tarde chea de propostas gratuítas para todos os públicos.
Obradoiros de manualidades con material reciclado, inchables para todas as idades, actividades sorpresa e moita música fixeron as delicias de pequenos e maiores. A animación estivo a cargo de Javi Solla, quen logrou que toda a praza se puxese a bailar. Pero o momento culminante chegou coa esperada festa holi, onde cañóns de po de cores inundaron A Seca, poñendo o broche perfecto a unha xornada de despedida do verán e benvida ao novo curso escolar.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado por varios membros do Goberno local, participou activamente na celebración e destacou «o magnífico ambiente vivido». Subliñou tamén o compromiso do Concello con actividades lúdicas de calidade: “Queremos ofrecer propostas que sexan dinámicas, entretidas e atractivas para gozar en familia”.
Neste senso, Moldes agradeceu especialmente a colaboración do Centro Comercial A Barca, que por terceiro ano consecutivo se suma a esta iniciativa que xa se consolida como unha das máis esperadas de setembro no municipio.
MÁIS DE 1.000 NENOS E NENAS VOLVEN ÁS AULAS O LUNS
O próximo luns, 8 de setembro, 1.074 nenos e nenas regresarán ás aulas en Poio, coa mochila cargada de ilusión e algún recordo de cores desta tarde inesquecible, aos que hai que engadir os 50 nenos e nenas que desde esta semana xa asisten á Galiña Azul de Poio.
Por centros, na EEI do Bao están matriculados 10 menores; no CEIP de Viñas, 64; Lourido, 149; Isidora Riestra, 155; Chancelas, 171 e Espedregada, 50. Con respecto ao IES de Poio, este curso contará con 475 alumnos.
Nos centros de ensino xa está todo preparado para recibilos, en coordinación coas ANPAS e as directivas de cada colexio: desde as tarefas de mantemento realizadas durante os meses de verán, ata a limpeza integral e as labores de desbroce e xardinería.