O sector turístico de Poio roza a plena ocupación en agosto e consolídase como destino referente e “con personalidade propia” nas Rías Baixas

04/09/2025

A taxa de ocupación media nos aloxamentos do municipio supera o 91% e “moi boas previsións” para setembro. As oficinas de turismo atenderon a máis de 5.000 persoas de máis de 20 nacionalidades, destacando o “éxito” do posto temporal na Praza de Chousa durante a Festa do Mar.

O sector turístico de Poio vén de pechar un mes de agosto “brillante”, no que se rozou a plena ocupación, cun 91,8% de media, segundo os datos comunicados este mércores pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, para quen estas cifras, unidas ás do resto do verán e ás previsións para os vindeiros meses confirman a consolidación de Poio como “un destino referente e con personalidade propia nas Rías Baixas”.

Cochón felicitou a empresarios e traballadores “polo gran traballo realizado, tamén nos meses anteriores, que fixeron posible que máis visitantes que nunca desfrutasen do verán en Poio”, con máis de 9 de cada 10 prazas de aloxamento ocupadas neste mes, malia algunhas cancelacións por mor do tempo na última semana.

Por outra banda, as oficinas municipais de información turística atenderon case 5.000 visitantes de máis de 20 nacionalidades ao longo do mes. Uns datos aos que contribuiu a ubicación temporal da oficina de turismo de Combarro na Praza da Chousa, que utilizaron 2.500 visitantes durante a celebración da Festa do Mar, entre os días 28 e 31 de agosto. “Un éxito”, especialmente considerando que a meteoroloxía non acompañou, e que Cochón quixo agradecer persoalmente aos informadores “que fixeron un gran esforzo e un fenomenal traballo”.

A edil destacou o crecemento do turismo familiar, nacional e internacional, e o interese cada vez maior polo turismo activo e sostible. Ademais, subliñou as excelentes previsións trasladadas polo sector de cara ás primeiras semanas de setembro, especialmente coa saída da 16º etapa de La Vuelta o día 9 deste mes.

Cochón destacou novamente a puxanza do turismo náutico, con case 100 tránsitos e un 95% de ocupación dos amarres no Porto Deportivo de Combarro, así como o empuxe das variantes xacobeas, con 1.500 peregrinos dos cinco continentes que selaron as súas credenciais no Concello e o Mosteiro.

A responsable de Turismo subliñou que os extraordinarios datos de xullo e agosto, unidos ás boas previsións para os próximos meses, “son a base ideal” sobre a que seguir impulsando a desestacionalización, a internacionalización e a diversificación”. Así, recordou que o Goberno local xa numerosas actividades e eventos que permitirán aos visitantes seguir descubrindo un destino de calidade con “gastronomía, natureza, deporte, cultura, patrimonio e moito máis” os 365 días do ano.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio