Sairá ás 11.00 horas desde a Praza do Concello, e inclúe sorteos e sorpresas para os participantes. Organizada polo Concello, conta coa colaboración de Poio Bike Club, Froiz e La Vuelta.
Poio xa está en tempo de desconto para facer historia coa saída de La Vuelta a España desde Combarro, o próximo martes día 9 de setembro. Por iso, este sábado, día 6, animan a familias e afeccionados ao ciclismo a participar na ruta “Poio pedalea con La Vuelta”, unha actividade pensada para todas as idades, cun marcado carácter lúdico, deportivo e festivo.
“Queremos que a veciñanza amose a súa ledicia por este momento histórico, pedaleando e visibilizando a afección que temos en Poio polo ciclismo e amosando o noso orgullo por ser protagonistas dun evento tan importante”, subliña o alcalde, Ángel Moldes, que presentou esta mañá a actividade acompañado por Evaristo Portela, director deportivo del equipo ciclista Superfroiz; Paco Albar, presidente do Poio Bike; Cándido Muíños, concelleiro de Deportes; e varios ciclistas da escola base do club.
A ruta, organizada en colaboración con Poio Bike Club e Froiz, sairá ás 11.00 horas desde a Praza do Mosteiro. Un percorrido circular que transcorrerá por Campelo, Lourido e Liñares para volver ao punto de saída, onde será o fin de festa con sorteos e sorpresas para os participantes. En total, 12 quilómetros de percorrido adaptado para todas as idades, que se farán a un ritmo lento e totalmente adaptado.
A actividade non require inscrición previa, pero dende a organización lembran que é obrigatorio o uso de casco, e que as crianzas menores de 12 anos deberán ir acompañadas por unha persoa adulta responsable.
RECICLAR CON LA VUELTA E ECOPILAS TEN PREMIO
Ademais, dentro das actividades destinadas para os concellos que son saída de algunha das etapas de La Vuelta a España, Poio súmase á campaña impulsada pola Fundación Ecopilas, “Reciclar ten premio seguro”.
O martes 9 de setembro, día da saída dende Combarro, instalarase un stand informativo no que as persoas asistentes poderán depositar pilas usadas e recibir un agasallo polo seu compromiso co medio ambiente. Ao final da competición, as tres persoas que máis pilas reciclen ao longo de todas as etapas de La Vuelta recibirán de Ecopilas premios especiais: un iPad e dúas maletas Samsonite.