Unanimidade do pleno para distinguir coa Medalla de Ouro a Protección Civil de Poio e á Garda Civil

27/08/2025

Tamén acordaron adxudicar a primeira fase da transformación da PO-308 desde A Barca á empresa COVSA, cun orzamento de 1,6M€.

O pleno do Concello de Poio aprobou por unanimidade iniciar o procedemento para distinguir coa Medalla de Ouro aos corpos de Protección Civil de Poio e da Garda Civil. Unha proposta feita polo alcalde, Ángel Moldes, para trasladarlles o agradecemento e recoñecemento da veciñanza de Poio pola súa incansable e importante labor no municipio.

A medalla do municipio é unha das distincións máis altas previstas no Regulamento Municipal, e está dirixida a premiar servizos relevantes e excepcionais prestados en beneficio da vida administrativa, cultural, artística, urbanística, industrial, económica… do concello de forma desinteresada e altruísta. O seguinte paso será elaborar un expediente xustificativo no que se recollan e acrediten os méritos, calidades e circunstancias singulares para que reciban esta distinción.

Foi na sesión ordinaria do mes de agosto, na que tamén se avanzaron noutros proxectos importantes para o municipio, como a adxudicación da reurbanización da PO-308, desde A Barca ata o Casal de Ferreirós á empresa COVSA e por importe de 1,6M€. O alcalde, Ángel Moldes, salienta que “é un día importante para a veciñanza de todo o concello, pero de xeito especial para os veciños de San Salvador, xa que se vai facer realidade unha demanda histórica e un compromiso deste Goberno”. Este investimento, froito dun convenio asinado entre Xunta e Concello, vai permitir transformar unha das principais entradas a Poio para convertela nun espacio máis amable, máis accesible e seguros, dando prioridade ao peón e favorecendo a economía e o comercio local.

“Estamos ante unha das zonas urbanas máis transitadas de Galicia, un lugar no que residen 8.000 persoas e unha estrada pola que diariamente circulan preto de 20.000 vehículos. É fundamental garantir a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida da veciñanza”, engadiu.

Esta é a primeira fase dun proxecto máis amplo que continuará ata a gasolineira na Costa de Albar e que supera, en conxunto, os 4,8M€. As actuacións inclúen a ampliación das beirarrúas cun ancho mínimo de 2,5 metros, inclusión de elementos de mellora da accesibilidade, mellora de todos os servizos e instalacións urbanas, elementos de acougado de tráfico, zonas novas asistenciais con mobiliario urbano, mellora na infraestrutura asociada ao transporte público, estreitamente e simplificación dos carrís de circulación e prazas para persoas con mobilidade reducida.

O Concello de Poio establecerá un plan de tráfico provisional para garantir o equilibrio entre a execución das obras e o mantemento da conectividade urbana, para velar pola seguridade, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal durante a duración do proxecto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio