Representa un aumento de 5 puntos sobre o mesmo periodo de 2024 e de 7 puntos en relación a 2023, unha demostración de que “Poio vive o seu mellor momento, tamén no Turismo”, para a concelleira Rocío Cochón.
A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, cifrou no 92,3% a ocupación turística durante a primeira quincena de agosto, segundo a información recollida do sector. Este dato representa un incremento de 5 puntos sobre o 87% do mesmo período de 2024 e de 7 puntos sobre o 85% rexistrado en 2023.
“Máis de 9 de cada 10 prazas de aloxamento dispoñibles en Poio estiveron ocupadas cun visitante que dinamiza a nosa economía mentres descubre e desfruta un destino único”, explicou Cochón, para quen estes números son “unha demostración de que “Poio está no seu mellor momento, tamén no Turismo”.
A edil destacou tamén que a ocupación foi superior ao 85% en todas as parroquias, “de San Xoán a Raxó”, e cun número de prazas de aloxamento superior aos dos anos anteriores, “indicadores claros da fortaleza do sector e a capacidade de crear emprego e riqueza en todo o Concello”.
Ademais, os informadores turísticos das oficinas da Escola do Campo (Combarro) e O Casal de Ferreirós (San Salvador) atenderon máis de 1.200 visitantes durante a primeira metade do mes. Cochón subliñou a potencia cada vez maior do turismo náutico, logo de que o Porto Deportivo de Combarro colgase o cartel de ‘completo’, cun 100% dos amarres ocupados por embarcacións de 18 nacionalidades e un número crecente de solicitudes internacionais para amarrar embarcacións durante o outono e o inverno.
Cochón destacou que, cos datos da primeira metade de agosto, o Porto Deportivo xa superou os tránsitos de 2024, e reforza o seu liderado en turismo náutico na provincia.
Nese sentido, apuntou que a XXIV Festa do Mar presentada este xoves representa “un escaparate inmellorable para achegar Poio ao mundo”, especialmente “a nosa esencia mariñeira”, xa que durante catro días, Combarro conxuga “Gastronomía, música, cultura, tradición e actividades para todos e todas”, dirixidas á veciñanza de Poio e a súa contorna pero tamén aos milleiros de persoas que nos visitan.
Así, recordou que durante o evento, do venres 28 ao domingo 31 de agosto, a oficina de información turística da Escola do Campo pasa a instalarse na Praza de Chousa, onde informadores municipais prestarán atención personalizada aos miles de turistas que se achegarán estes días á vila. Cochón agradeceu o esforzo destes profesionais, “que darán a mellor benvida a todos os que nos visitan, descubrirán todo o que ofrecemos e lles darán aínda máis motivos para volver os 365 días do ano”.