Ángel Moldes subliña que honrar o legado de Alexandre Bóveda é defender unha Galicia xusta, plural e de consenso

18/08/2025

No acto institucional organizado polo Concello de Poio para render homenaxe a Alexandre Bóveda polo Día da Galicia Mártir.

O Concello de Poio conmemorou esta mañá o Día de Galicia Mártir, coincidindo co 89º aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, figura clave do galeguismo e símbolo da loita pola liberdade e a xustiza social. O acto tivo lugar na Caeira e contou coa presenza de destacadas autoridades e representantes institucionais. Xunto co alcalde, Ángel Moldes, asistiron a filla e presidenta da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda; a deputada provincial María Ramallo; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; e os presidentes das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao, David Otero e Miguel Anxo Seixas, respectivamente.

Durante a súa intervención, o alcalde afirmou que honrar o legado de Bóveda é defender unha Galicia máis xusta, plural e onde o diálogo prevaleza fronte á confrontación, destacando que figuras como a súa deben ser consideradas patrimonio de todos os galegos e galegas. Moldes recordou ademais que o vindeiro ano o Día da Galicia Mártir será festivo local, como mostra do compromiso do Concello de Poio coa figura de Bóveda. «Aquí xuntámonos persoas con ideas moi diferentes, pero todos compartimos o respecto por Alexandre Bóveda e o desexo dunha Galicia mellor», sinalou Moldes, quen puxo en valor a mensaxe de unidade e consenso que representa este acto.

O alcalde tamén insistiu na necesidade de preservar a liberdade de pensamento e expresión, lembrando que «ninguén debe ser sinalado polas súas ideas», e comprometeuse a manter viva esta homenaxe ano tras ano, coa esperanza de aprender dos erros do pasado e evitar que se repitan.

Tamén a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, puxo en valor a importancia do 17 de agosto para honrar a memoria de Alexandre Bóveda e de todas as persoas asasinadas ou represaliadas por defender a causa de Galicia e a liberdade. “Non hai mellor espello que Bóveda que soubo unir vontades diferentes e sacar o mellor de cada quen en prol de proxectos comúns”, engadiu.

Tras os discursos e a entrega da Fundación Alexandre Bóveda do Premio Galicia Mártir a Enriqueta Otero Farto, máis coñecida como Enriqueta Molas, presidenta desde o ano 2007 da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, realizouse a tradicional ofrenda floral por parte de entidades e institucións, e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio pechou o acto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio