Ademais, xa están en proxecto as remodelacións integrais dos parques de Ánkar e Lourido, así como a creación dunha pista multideporte en Vilariño.
05, agosto, 25.- O Concello de Poio avanza no plan de mantemento e mellora dos parques infantís do municipio. Si hai unhas semanas remataba o acondicionamento da área de xogo de Anafáns, estes días concluíron tamén os traballos no parque infantil da Caeira. Unhas actuacións que se engloban dentro dun ambicioso plan municipal que inclúe a posta a punto, remodelación e creación de novas áreas infantís en todo o municipio.
No caso da Caeira, os traballos incluíron reparación, substitución e pintado de todos os elementos de xogo que estaban en mal estado, para cumprir así coa normativa vixente en materia de seguridade nos parques infantís. Ademais, tamén se repuxeron listóns e pintáronse os bancos de madeira e as mesas picnic, substituíronse todos os postos que estaban en mal estado do valado do perímetro e colocouse un panel informativo.
O alcalde, Ángel Moldes, visitou o parque para comprobar o remate das actuacións, e destacou a importancia de contar con espazos seguros e accesibles para a poboación máis nova: “Poio ten unha poboación infantil importante, cada tres meses estamos repartindo entre quince e vinte caixas benvida aos novos nacementos. Por iso é importante investir e coidar os espazos destinados para eles e para as súas familias”. Nesta liña, insiste en que “queremos ofrecer espazos de ocio seguros preto dos fogares, promovendo unha vila máis cómoda e familiar”.
Este plan municipal de mantemento e remodelación dos parques infantís incluíu tamén a mellora dos parques infantís de Anafáns, Combarro, Chancelas e A Seca, nos que xa se actuou nos últimos meses. A maiores, xa están en proxecto tamén as remodelacións integrais dos parques de Ánkar e de Lourido, así como a creación dunha área multideporte nova en Vilariño.
“Temos moi presente a importancia de impulsar servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias, convertendo Poio nun lugar moderno, atractivo e con oportunidades”, concluíu.