Este servizo de conciliación familiar ofrece máis de 1.000 prazas entre xullo e setembro. As inscricións poderanse realizar a través do rexistro xeral do Concello de Poio ou no habilitado no Pazo Besada para este fin, así como a través da sede electrónica do Concello de Poio.
O Concello de Poio abre este luns, 19 de maio, as inscricións para participar nos Espazos Concilia, un programa municipal que garante a conciliación familiar entre xullo e setembro nos colexios de Isidora Riestra (San Xoán), Viñas (San Salvador) e Espedregada (Raxó). Unha aposta moi potente do Concello de Poio que inclúe 240 prazas cada quincena durante os meses de xullo e de agosto, e 50 na semana previa ao inicio do curso escolar. En total, máis de 1.000 prazas en todo o verán para ofrecer aos máis pequenos horas de diversión, disfrute e lecer durante as súas vacacións escolares, ao mesmo tempo que se asegura que as familias poidan compatibilizar a súa vida laboral, familiar e persoal.
As inscricións pódense facer entre o luns, día 19, e o 30 de maio, tanto a través do rexistro xeral do Concello de Poio ou no habilitado no Pazo Besada para este fin, así como a través da sede electrónica do Concello de Poio. En caso de haber máis solicitudes que prazas, adxudicaranse segundo baremo, no que se terá en conta a situación laboral e sociofamiliar. Só en caso de empate na puntuación, terase en conta a orde de inscrición, que será a data última na que se presente toda a documentación solicitada no rexistro.
Poden participar nos Espazos Concilia do Concello de Poio nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2021, ambos inclusive. Cada participante poderá inscribirse en tantas quendas como desexe e, como mínimo, poderá anotarse quince días nos meses de xullo e agosto ou a semana de setembro completa.
No colexio de Viñas ofreceranse 45 prazas por quincenas nos meses de xullo e de agosto, e 50 en setembro, mentres que en Espedregada serán 45 por quincena en xullo e agosto e, por último, en Isidora Riestra serán 150 prazas por quincena nos dous meses. As ludotecas desenvolveranse de luns a venres, entre as 7.30 e as 15.00 horas. Ademais, tamén se organizarán actividades os sábado 19 de xullo e 9 de agosto no mesmo horario. Con respecto ás tarifas do Espazo Concilia, cada quincena terá un custe de 17 euros por usuario, que deberá abonar 10 euros pola semana de setembro.
Este programa está cofinanciado polo Concello de Poio e o programa Corresponsables da Xunta de Galicia.
DOCUMENTACIÓN E INFORMACIÓN