Desde o Concello de Poio destacan o Bosque como un recurso educativo ideal para a infancia que as “árbores foron plantadas por mozos e mozas dos dous continentes” e foi pensado como un agasallo “para que o desfruten, o coiden e o deixen como legado as xeracións futuras”.
Alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas desfrutaron en Poio dunha xornada de natureza, historia e convivencia acompañados de persoal docente e da técnica de Turismo municipal, visitando o Bosque de Colón.
Un total de 60 rapaces e rapazas desprazáronse a última semana ata o Monte Castrove para coñecer de primeira man o bosque de sequoia vermella máis grande de Europa, con 500 exemplares, froito dun agasallo oficial do Goberno dos Estados Unidos ao pobo español en decembro 1992 en conmemoración da primeira viaxe de Colón a América.
As árbores foron plantadas conxuntamente por mozos e mozas de Poio e de distintos lugares dos Estados Unidos, baixo a dirección do profesor estadounidense John Harmon McElroy e coa colaboración de expertos, administracións e institucións de ambos lados do Atlántico, o que o converte, ademais de nun exemplo de cooperación internacional, nun excelente recurso educativo.
“Rapaces e rapazas en idade escolar, chegados de lugares moi distintos, con idiomas e culturas diferentes, crearon un tesouro que máis de 30 anos despois representa un dos tesouros máis valiosos de Poio”, indicou a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que destacou que é un lugar ideal para amosarlle á rapazada xa que foi pensado polos seus creadores como un agasallo “para que o desfruten, o coiden e o deixen como legado as xeracións futuras”.