300 nenos de toda Galicia celebrarán o domingo na Mini BTT no Castrove a primeira década da Escola Poio Bike

03/06/2025

A XCO Poio disputarase o sábado, 7 de xuño, tamén no Monte Castrove. As inscricións para as dúas probas continúan abertas ata este xoves, día 5.

Poio converterase esta fin de semana no epicentro da BTT galega, co campionato galego III XCO Poio e o X Mini BTT, que se celebrarán o sábado 7 e domingo 8, respectivamente, e que reunirán a preto de 600 corredores e máis de 2.000 persoas, entre familiares e afeccionados durante toda a fin de semana.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, o presidente do Poio Bike Club, Paco Albar, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, presentaron as probas, e destacaron que a Mini BTT será a mellor celebración para conmemorar o décimo aniversario da Escola Poio Bike. Será pois, unha edición moi especial, na que se conmemorará a primeira década dunha das escolas máis importantes e con máis licencias de Galicia, que na actualidade conta con 80 rapaces inscritos.

A proba desenvolverase no Monte Castrove e espérase a participación de 300 nenos e nenas de toda Galicia e mesmo de Portugal, que competirán en categorías diferentes segundo as súas idades. A saída será ás 10.00 horas.

O alcalde, Ángel Moldes, subliñou que “este club é un exemplo de paixón polo deporte, e a súa canteira é un referente dentro e fóra do noso concello”. Neste senso, destacou que a Mini BTT no Castrove é unha oportunidade para que as categorías máis novas gocen da súa paixón nunha contorna idílica, pero tamén para as propias familias que os acompañan. Ademais, recordou que este aniversario tan importante “e nada sinxelo de conseguir” celébrase nun ano clave para o deporte no Concello de Poio, con esa saída histórica de La Vuelta a España desde o municipio.

XCO MONTE CASTROVE

Un día antes, o sábado 7 de xuño, tamén no Monte Castrove disputarase a III XCO Poio, na que participarán ata 300 corredores de toda Galicia. As inscricións tamén estarán abertas ata este xoves, día 5, na páxina web da Federación Galega de Ciclismo, nas categorías sub 23, máster 60, máster 50, máster 40, máster 30, júnior, élite, cadete e infantil, tanto en feminino como masculino.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio