Ángel Moldes: “Este tipo de accións son fundamentais non só a nivel persoal ou social, creando sinerxias entre o alumnado, son tamén importantes para mellorar a empregabilidade, os coñecementos e, incluso, para relacionarse coas administracións ou para facer calquera outro tipo de xestión diaria”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, clausuraron esta mañá o curso Dixigal, que permitiu que un grupo de 20 persoas adquirisen novas competencias de dixitalización en nivel intermedio e seguir mellorando os seus coñecementos informáticos.
Moldes agradeceu a implicación de todos os alumnos que participaron desde xaneiro nesta formación e que, tras concluír satisfactoriamente todos os itinerarios, recibiron gratis un dispositivo informático co que poñer en práctica todo o que aprenderon. “Este tipo de accións son fundamentais non só a nivel persoal ou social, creando sinerxias entre o alumnado, son tamén importantes para mellorar a empregabilidade e, incluso, para relacionarse coas administracións ou para facer calquera outro tipo de xestión diaria”.
Unha formación gratuíta, de 200 horas de duración, que se impartiu na aula da Reiboa e ofreceu ao alumnado nocións para facilitar a busca e xestión de información dixital, resolución de problemas coa entorna dixital, creación de contido dixital e programación, seguridade e civismo na contorna dixital e comunicación e colaboración coa ferramenta dixital. Ademais, tamén se incluíron módulos de formación para a igualdade e de orientación laboral.
É máis, durante a realización do curso, cinco dos alumnos déronse de baixa tras atopar traballo a través de iniciativas e accións desenvoltas para elaborar o seu curriculum vitae e inscribirse en portais especializados na procura de emprego.
Trátase do proxecto DIXIGAL, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Poio e financiado a través de fondos europeos, e que permitiu ao alumnado seguir avanzando en coñecementos informáticos e aprendizaxes tras os cursos de iniciación que se organizaron desde o Concello de Poio ao longo do ano pasado neste concello.