Este sábado, nas pistas de Monte Baldío, entre as 9.30 e as 21.30 horas.
Este sábado, 28 de xuño, celébrase o II Open de Pickleball nas pistas de Monte Baldío, en Raxó, organizado polo Club de Tenis de Raxó e coa colaboración do Concello de Poio, da SCD Raxó e da Deputación de Pontevedra.
O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, participaron esta mañá na presentación do torneo, xunto con representantes do club deportivo. Destacaron a excelente acollida da convocatoria, que completou as 120 prazas dispoñibles, duplicando así o número de participantes da primeira edición.
Desde a organización destacan que o pickleball está a gañar cada vez máis adeptos en Poio e en toda a provincia, consolidándose como unha alternativa deportiva atractiva, dinámica e accesible para persoas de todas as idades.
O Concello de Poio continúa así na súa aposta por fomentar o deporte e apoiar iniciativas que dinamicen o tecido asociativo, promovan hábitos de vida saudables e poñan en valor os espazos deportivos do municipio.
A competición desenvolverase en dez pistas entre as 9.30 e as 21.30 horas, nas categorías individual masculino, individual masculino para maiores de 50 anos, individual feminino, dobres masculino, dobres feminino e dobres mixto.