Xunta e Concello realizan obras de mantemento e mellora no centro de saúde de Combarro

27/05/2024

Inclúen o lavado de todo o perímetro da fachada e actuacións no interior e exterior para reparar as filtracións de auga e as humidades.

O Concello de Poio e a Xunta de Galicia están realizando obras de mantemento e mellora no centro de saúde de Combarro, froito da colaboración que acordaron o alcalde, Ángel Moldes, e o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, na reunión que mantiveron o pasado mes de abril.

As actuacións inclúen melloras na fachada, con lavado de todo o perímetro do edificio, tratamento hidrófugo para protexer da humidade e da auga, limpeza de herbas, pintado dos muros da parte traseira e reparación das filtracións de auga na terraza superior. Ademais, no interior do edificio tamén se están reparando as humidades para, posteriormente, rematar co pintado.

Os traballos están acometéndose na súa maioría durante as fins de semana, para evitar así crear problemas e molestias aos usuarios do centro médico, e prevese que rematen coa maior brevidade.

O alcalde, Ángel Moldes, sinala que “era necesario intervir no centro de saúde de Combarro, facer un lavado de cara pero tamén actuar para solucionar as humidades. Levamos un ano con moitas choivas e garantir as mellores condicións e instalacións para a veciñanza que necesita asistir ao médico é a nosa prioridade”. Por iso, agradece ao xerente “a rapidez coa que atenderon a nosa petición”.

Estas actuacións no centro de saúde de Combarro súmanse ás que recentemente se fixeron no consultorio médico de Raxó, con melloras e intervencións de arranxos na fachada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio