Xunta e Concello presentan a nova senda peonil e ciclista entre Tarrío e Arén, cun investimento de máis de 1,6 M€

23/03/2026

Trátase de executar un itinerario de máis de 1,2 quilómetros pola marxe esquerda da PO-303, dando continuidade ás beirarrúas existentes e facilitando a comunicación de focos de atracción da zona como a praia de Covelo, os roteiros dos muíños ou a igrexa de Santa María.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou este sábado a próxima información pública para executar a nova senda peonil e ciclista entre Tarrío e Arén, Samieira, cun investimento de máis de 1,6M€.

Allegue puxo en valor esta intervención do Goberno galego, no seu compromiso coa mobilidade sostible, que permitirá executar un itinerario de máis de 1,2 quilómetros ao carón da PO-303.

Segundo indicou, este martes, día 24, publicase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto, abríndose un prazo de algo máis dun mes, ata o 8 de maio, para a presentación de achegas e suxestións. Neste sentido, sinalou que o departamento que dirixe continuará avanzando na súa tramitación co obxectivo de aprobar definitivamente o proxecto, licitar as obras e iniciar a súa execución.

A conselleira detallou que o novo itinerario permitirá conectar os núcleos de Tarrío e Arén, dando continuidade ás beirarrúas existentes e facilitando tamén comunicar os principais focos de atracción da zona como a praia de Covelo, os roteiros dos muíños ou a igrexa de Santa María, entre outros.

A conselleira subliñou que o obxectivo desta intervención é favorecer desprazamentos máis cómodos e seguros, tanto a pé como en bicicleta, para a veciñanza e para os visitantes desta contorna.

Precisou que a senda discorrerá pola marxe esquerda da PO-303 e contará, sempre que sexa posible, cunha franxa axardinada de separación coa calzada. Ademais, puxo en valor o carácter transformador da actuación, xa que, máis alá da execución do propio itinerario, incluirá a creación dunha zona de estacionamento e dunha parada de autobús fronte á igrexa de Samieira. Tamén se acometerá unha rede de drenaxe, reforzarase a iluminación e colocarase sinalización.

A titular de Vivenda e Infraestruturas destacou que esta actuación, cofinanciada con fondos FEDER e impulsada pola Xunta ao abeiro do Plan de Sendas de Galicia, dá continuidade ao impulso da rede de itinerarios seguros no municipio, lembrando que desde o verán pasado xa está en servizo a senda na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio