Entre as actuacións xa realizadas destaca unha sondaxe no interior do antigo lazareto.
A Xunta de Galicia e o Concello de Poio impulsan unha nova intervención arqueolóxica na Illa de Tambo, co obxectivo de afondar no coñecemento histórico deste espazo. A empresa Tempos Arqueólogos está realizando estes traballos, que inclúen prospeccións e sondaxes en distintos puntos da illa, co fin de ampliar a información sobre a súa evolución ao longo dos séculos.
Entre as actuacións xa realizadas destaca unha sondaxe no interior do antigo lazareto. Esta intervención arqueolóxica permitirá documentar as técnicas de construción do edificio, así como entender a disposición do espazo e os diferentes procesos de abandono que levaron ao estado actual do edificio.
En conxunto, o convenio asinado entre Xunta e Concello inclúe unha prospección arqueolóxica intensiva en toda a illa, así como a realización de sondaxes valorativas en diferentes puntos de interese. Ademais do Lazarato, os arqueólogos farán sondaxes tamén na capela e na praia. En función dos resultados obtidos, definiranse novas áreas de intervención.
Ademais, está prevista a execución de labores de topografía e fotogrametría 3D dos restos e estruturas conservadas, a instalación dun cartel interpretativo sobre o patrimonio da illa e a elaboración dun proxecto arqueolóxico completo, que incluirá un informe preliminar e unha memoria técnica final. O programa complétase con accións de divulgación para dar a coñecer á cidadanía os avances e resultados destes traballos.
Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, que financia o 100 % dos traballos, cun orzamento total que ascende a preto de 30.000 euros.
Este convenio enmárcase dentro do compromiso adquirido polo conselleiro de Cultura, José López, durante a súa visita á Illa de Tambo, reforzando así a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Poio para continuar avanzando na recuperación e posta en valor deste enclave único.