Actuacións, obradoiros infantís e unha gran gala final converterán prazas, parques e praias en escenarios inesquecibles todos os venres do mes. Dania Díaz, Edu El Mago, Samuel Moreno, Sara Rodríguez, Óscar Fernández e Roberto Lolo achegarán a súa maxia ao público.
O Concello de Poio encherá este verán as prazas, praias e parques de ilusión, asombro e diversión, a través do programa “Xullo Máxico”. Unha proposta que inclúe actuacións, talleres e unha gala final para todos os públicos..
Esta mañá, o alcalde Ángel Moldes, o mago e director artístico do proxecto, Samuel Moreno, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron a programación que arranca esta mesma semana e se prolongará durante todo o mes, convertendo a praia de Lourido, o Parque de Ánkar, a Praza da Chousa e o Porto de Raxó en escenarios “dun proxecto cultural diferente, atractivo e de calidade, que promete sorprender e emocionar”, destacou o alcalde.
Así, todos os venres de xullo veciños e visitantes teñen unha cita coa maxia en Poio. A programación arranca este venres, 4 de xullo, coa actuación do propio Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España, na praia de Lourido ás 21.00 h. O día 11, tamén ás 21.00 h, será a quenda de Sara Rodríguez e Óscar Fernández no Parque de Ánkar. O venres 18, Roberto Lolo levará a súa proposta á Praza da Chousa. E como broche de ouro, o día 25 de xullo, o Porto de Raxó acollerá a gran gala final, con tres nomes destacados: Samuel Moreno, Edu El Mago e Dania Díaz, nun espectáculo con inicio ás 21.30 horas.
“Porque no verán as rúas énchense de vida, e queremos que a maxia tamén tome as prazas, os parques, os portos… Que saia ao encontro do seu público e convide a compartir momentos únicos e inesquecibles entre artistas e espectadores”, engadiu o alcalde.
DANIA DÍAZ E EDU EL MAGO: DOUS REFERENTES
Un dos pratos fortes do festival será a presenza da ilusionista venezolana Dania Díaz, recoñecida como unha das maiores expoñentes da maxia feminina en Latinoamérica e no mundo. O seu talento e carisma á hora de contar historias a través da maxia fixérona merecedora de múltiples galardóns, como o Premio Latinoamericano de Maxia en Flasoma Chile 2013 ou o Premio Nacional de España 2016, ademais de recoñecementos en Colombia e Venezuela. En 2018, foi finalista do programa Got Talent España, onde conquistou ao público cun espectáculo emocional e inspirado na súa propia vida.
Xunto a ela estará tamén Edu El Mago, considerado un dos magos cómicos máis potentes do panorama nacional. Cun estilo propio que mestura humor, participación e efectos imposibles, Edu conquistou escenarios de toda España e varios países europeos, ofrecendo espectáculos vibrantes nos que a risa e a sorpresa están garantidas.
Ademais dos espectáculos de rúa, este proxecto tamén inclúe obradoiros para introducir aos máis pequenos no mundo da maxia. E deste xeito, os magos participantes organizarán talleres nos Espazos Concilia do Concello de Poio durante as próximas semana: “Contamos cun cartel de gran nivel, con artistas recoñecidos a nivel nacional e internacional, e tamén cunha sólida base de talentos galegos. Estamos seguros de que o público de Poio vivirá unha experiencia inesquecible”, sinalou Samuel Moreno.
Con esta proposta, o Concello de Poio reafirma a súa aposta por unha programación cultural moderna, atractiva e participativa, con actividades que inviten a vivir, sentir e gozar do concello dun xeito único e especial.