“Xullo Máxico” chega ao seu fin coas actuacións de Dania Díaz, Edu el Mago e Samuel Moreno este venres en Raxó

23/07/2025

Durante todo o mes a programación elaborada polo Concello de Poio encheu de maxia e ilusión as prazas, rúas, parques e praias do municipio.

O “Xullo Máxico” do Concello de Poio chega ao seu fin este venres coa Gala final na que actuarán Dania Día, referente internacional da maxia feminina; Edu el Mago, un dos magos cómicos máis potentes do panorama nacional; e Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España.

Tras percorrer as prazas, rúas, praias e parques do municipio, a gala final celebrarase no Porto de Raxó, a partir das 21.30 horas. Trátase dun espectáculo de maxia e ilusión para toda a familia, que conta con tres referentes a nivel galego, nacional e internacional.

Un dos pratos fortes do festival e tamén da gala final é a presenza da ilusionista venezolana Dania Díaz, recoñecida como unha das maiores expoñentes da maxia feminina en Latinoamérica e no mundo. O seu talento e carisma á hora de contar historias a través da maxia fixérona merecedora de múltiples galardóns, como o Premio Latinoamericano de Maxia en Flasoma Chile 2013 ou o Premio Nacional de España 2016, ademais de recoñecementos en Colombia e Venezuela. En 2018, foi finalista do programa Got Talent España, onde conquistou ao público cun espectáculo emocional e inspirado na súa propia vida.

Xunto a ela estará tamén Edu El Mago, considerado un dos magos cómicos máis potentes do panorama nacional. Cun estilo propio que mestura humor, participación e efectos imposibles, Edu conquistou escenarios de toda España e varios países europeos, ofrecendo espectáculos vibrantes nos que a risa e a sorpresa están garantidas.

E, por último, actuará Samuel Moreno, mago galego semifinalista de Got Talent España e que nos seus espectáculos mestura o humor, a música e a tecnoloxía coa maxia para sorprender a todos os públicos e crear unha experiencia inesquecible. Ademais, caracterízase pola súa proximidade co público, e unha maxia dinámica, persoal e moderna.

A través do Xullo Máxico, o Concello de Poio encheu durante os venres do mes de ilusión e espectáculo as prazas, praias e parques. Unha proposta novidosa, atractiva e de calidade que conseguiu sorprender e emocionar ao público de Poio e que contou tamén coas actuacións de Sara Rodríguez e Óscar Fernández na Praza da Chousa, en Combarro; de Samuel Moreno na praia de Lourido; e de Roberto Lolo, no parque de Ánkar. Ademais, das actuacións, tamén se organizaron talleres de maxia nos espazos concilia do Concello de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio