As Xornadas Técnicas da Ameixa reunirán en Poio a administracións, expertos e profesionais ao redor do marisqueo na Ría de Pontevedra

17/09/2025

Celebrarase o xoves 2 de outubro na Casa Rosada e servirá como complemento á 37º edición da Festa da Ameixa de Campelo. Incluirá relatorios, unha mesa redonda con axentes do sector así como un obradoiro de showcooking e degustación gastronómica coa ameixa como protagonista

INSCRICIÓN AQUÍ

O Concello de Poio organizará o xoves 2 de outubro as Xornadas Técnicas da Ameixa, que reunirán a representantes das distintas administracións, expertos e profesionais do mar e a hostalaría que analizarán os retos do marisqueo na Ría de Pontevedra e impulsarán iniciativas para fortalecer o sector, poñendo en valor a actividade e o seu produto estrela.

O evento, que foi presentado este xoves na Casa Rosada pola Concelleira de Urbanismo e Turismo de Poio, Rocío Cochón, xunto á presidenta do GALP e Patroa Maior de Lourizán, Mari Carmen Vázquez, e a xerente, Laura Nieto, servirá tamén como complemento da 37º Festa da Ameixa de Campelo, que este ano se celebra do 26 ao 28 de setembro, e cuxa programación completa se presentará a vindeira semana.

As Xornadas Técnicas da Ameixa incluirán charlas técnicas sobre xestión sostible por parte de especialistas, así como unha mesa redonda na que participarán representantes das mariscadoras, técnicos especializados en xestión mariña, investigadores e representantes das administracións públicas, nas que se abordarán as necesidades do sector, e se estudarán posibles iniciativas conxuntas e experiencias noutros territorios.

Un dos puntos centrais do evento será a realización dun showcooking no que un chef especializado presentará diferentes formas innovadoras de preparar e consumir a ameixa de Campelo. Este espazo servirá para demostrar o potencial deste bivalvo no sector da restauración e para reforzar a súa imaxe como ingrediente premium e ‘produto estrela’ da ría de Pontevedra.

Cochón explicou que a Festa da Ameixa de Campelo non é só o evento gastronómico por excelencia da Ría de Pontevedra, senón unha oportunidade para falar en profundidade dun sector fundamental para a identidade e a prosperidade socioeconómica de Poio, o marisqueo, e poñelo en valor, en conexión co turismo e a hostalaría.

“Queremos que a Ameixa de Campelo sexa máis que unha festa dunha fin de semana, queremos tamén facer protagonista á xente do mar e a toda a cadea que leva ese produto da ría á mesa”, indicou a edil, poñendo en valor e promocionando un produto de calidade, dos mellores de Galicia.

Finalmente, quixo agradecer a Vázquez e a Nieto a colaboración constante do sector e o apoio da Xunta de Galicia, xa que a actividade está financiada pola Consellería do Mar a través do GALP Ría de Pontevedra, desexando que estas xornadas “axuden a fortalecer futuro do marisqueo na Ría de Pontevedra e asegurar que a Ameixa de Campelo siga sendo un motor de desenvolvemento económico, social e cultural para a comunidade mariñeira e para todo Poio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio