Xornada BENSEGURO no Casal de Ferreirós o venres 30, dirixida a reducir a sinistralidade laboral no sector da construción

19/01/2026

A charla está orientada a profesionais da construción e ao público xeral. O Concello de Poio resalta a importancia do urbanismo e a construción responsables para o desenvolvemento económico: “Sempre a disposición de empresas e particulares para seguir creando fogares, xerando emprego e crecendo de forma segura”

Poio acollerá o próximo venres, 30 de xaneiro, unha xornada do proxecto Benseguro, dirixido a reducir a sinistralidade laboral no sector da construción. A xornada, orientada tanto a profesionais da construción como a público xeral, desenvolverase a partir das 17:00 h no Casal de Ferreirós, en San Salvador.

A xornada consistirá nunha presentación a cargo de Luis Vázquez de Soto, responsable de Seguridade e Saúde de FLC Galicia. A continuación, a técnica do programa Mónica Varela Novo explicará detalles do servizo de asesoramento e saúde laboral de obras de construción, e o evento pecharase cunha quenda de rogos e preguntas.

Así, os asistentes poderán coñecer todos os detalles sobre o proxecto Benseguro, unha iniciativa pioneira na que colaboran a Xunta de Galicia e a Fundación Laboral para a Construción, enfocada en aumentar a seguridade laboral, prever riscos e concienciar a contratación responsable e segura, con especial atención ás obras menores, onde se rexistran o maior número de accidentes.

Entre as iniciativas impulsadas ao abeiro deste programa, destacan as visitas a obras en proxecto para informar sobre seguridade laboral e ofrecer in situ solucións axeitadas, ou como o servizo de asesoramento para facer fronte á sinistralidade, que se concentra en pequenas empresas e intervencións de mantemento ou rehabilitación sen proxecto técnico.

Así mesmo, o proxecto tamén impulsa dunha campaña de concienciación para informar a cidadanía sobre a importancia de contratar obras de xeito profesional, responsable e respectando as medidas de seguridade recollidas na normativa vixente.

Neste sentido, a concelleira de Urbanismo de Poio, Rocío Cochón, destacou o interese deste tipo de iniciativas nun concello no que se están impulsando e recuperando moitos proxectos construtivos, e subliñou a importancia de concienciar e dar ferramentas a pequenas empresas ou a particulares, para evitar riscos tanto nas autopromocións, como en reformas e noutras pequenas actuacións.

Cochón resaltou a importancia do urbanismo e a construción responsables para o desenvolvemento económico, e recordou que o Concello traballa para que Poio sexa cada vez un concello máis atractivo para vivir, traballar e investir.

“Poñemos á disposición de empresas e particulares ferramentas como o visor urbanístico ou o inventario de camiños, xa moi avanzado”, explicou. “Tamén implantamos medidas como a modificación das ordenanzas para facilitar que os veciños poidan construír unha vivenda con máis facilidades e garantías, rebaixamos impostos como o IBI ou axilizamos trámites e solucionamos problemas para fomentar a actividade no sector, como demostra a reactivación de proxectos parados durante anos ou o impulso de novas vivendas ou o Polígono de Fragamoreira”.

“Sempre estamos a disposición de empresas e particulares para seguir creando fogares, xerando emprego e crecendo de forma segura”, finalizou, agradecendo á Fundación Laboral da Construción a organización desta xornada, que será de libre acceso ata completar aforo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio