Xogos, presentacións, reencontros e moita diversión na primeira xornada dos Espazo Concilia do Concello de Poio

01/07/2024

Este verán ofrecen máis de 600 prazas para facilitar a conciliación das familias, prazas que son gratuítas grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia para cofinanciar a prestación deste servizo.

O Concello de Poio inaugurou hoxe os tres Espazos Concilia, que durante os meses de xullo, agosto e setembro facilitarán a conciliación laboral e as vacacións escolares das familias. O alcalde, Ángel Moldes, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañados polas concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron esta mañá o espazo concilia que se desenvolve no CEIP Isidora Riestra, no que actualmente hai 150 menores inscritos.

Para este primeiro día, os monitores tiñan preparadas presentacións, xogos e moita diversión para a rapazada, pero tamén houbo moitos reencontros de nenas e nenos despois de todo o curso escolar. Ángel Moldes sinalou que a través dos Espazos Concilia dos CEIP Isidora Riestra, Espedregada e Viñas, o Concello de Poio pon a disposición das familias máis de 600 prazas para facilitar a conciliación, unhas prazas que este ano serán gratuítas grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia para cofinanciar a prestación deste servizo. “É unha medida moi importante e unha grande oportunidade para as familias, e por iso desde aquí non podemos máis que amosar o noso agradecemento á Xunta de Galicia por facelo posible”, subliñou. Nesta liña, explicou que “desde o Goberno queríamos que esta subvención repercutise de xeito directo no aforro dos fogares, e por iso este verán os pais e as nais poderán compatibilizar os seus horarios laborais coas vacacións dos seus fillos a custe cero”. Con todo, engadiu, esta gratuidade será, polo de agora, puntual para esta edición xa que está condicionada aos fondos que reciben do Plan Corresponsables da Secretaría Xeral de Igualdade.

“Estamos satisfeitos con como transcorreu o inicio dos tres espazos concilia, e o que queremos é que a rapazada disfrute o máximo posible destas actividades e das excursións que temos programadas. Para o Concello de Poio o benestar das familias é fundamental, temos unha poboación xove, e este tipo de iniciativas son importantes para axudarlles a conciliar e a mellorar a súa calidade de vida”. Así, asegurou que “estes espazos concilia serán un lugar de xogos, de diversión, de socialización para os menores, e unha garantía para as nais e os pais, para compatibilizar as súas xornadas laborais coas vacacións escolares das súas crianzas”.

Pola súa banda, Agustín Reguera puxo en valor o traballo que está facendo o Concello de Poio, “volcado cos máis novos, que son o futuro do concello”. Nesta liña, sinalou que “apostar pola conciliación é apostar pola igualdade”, e por iso apuntou que estas actividades son fundamentais para contribuír a que nos períodos de vacacións as nais e pais poidan continuar coa súas responsabilidades profesionais e as avoas e avós teñan o seu tempo de descanso.

A gratuidade do servizo é unha das principais novidades con respecto á edición do ano pasado. A segunda, que se amplía o funcionamento ata o 6 de setembro, antes do inicio do curso escolar, para os tres espazos concilia e, a terceira, que nesta edición inclúense tamén dous sábados durante o verán, o 13 de xullo e o 10 de agosto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio