Xogos, ilusión e moita complicidade nas xornadas organizadas polo Concello de Poio para o alumnado de 6º de primaria

03/06/2024

Ángel Moldes: “É unha actividade que chega para quedarse, desde o Concello de Poio tiñamos claro que queríamos organizar unha xornada para facilitar a integración, e facelo desde a diversión”.

Éxito na primeira xornada de convivencia que o Concello de Poio organizou para fomentar que o alumnado de 6º de primaria dos de todos os colexios do municipio compartisen tempo de lecer e se coñecesen antes de coincidir, o próximo curso, no IES de Poio. Así, esta mañá houbo moitos xogos, ilusión e moita complicidade na Seca, onde durante toda a mañá a rapazada gozou de varias actividades lúdicas, entre as que se incluíron xogos de orientación, tiro con arco e slackline; xogos de archery e combat en vivo; fútbol burbulla; xogos tradicionais, inchables e rocódromo de escalada.

O alcalde, Ángel Moldes, que visitou as actividades xunto ás concelleiras de Mocidade, Tamara González, e de Educación, Natalia Sabarís, destacou “o bo ambiente” que había hoxe, e agradeceu a participación de todos os centros escolares nesta iniciativa. “É unha actividade que chega para quedarse, desde o Concello de Poio tiñamos claro que queríamos organizar unha xornada para facilitar a integración, e facelo desde a diversión e desde o xogo. Facilitar unha primeira toma de contacto para que, en setembro, a adaptación no instituto sexa máis sinxela”.

Esta actividade, que foi gratuíta tanto para os colexios como para a rapazada, foi financiada na súa totalidade polo Concello de Poio, que se fai cargo dos custe de todas as actividades e do transporte desde cada centro escolar. Desde primeira hora, preto de 90 alumnos traballaron en varios grupos, nos que se mesturaron alumnas e alumnos dos diferentes colexios, e que compartiron as súas experiencias e xogos por todo o circuíto de actividades propostas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio