XABIER DÍAZ E ADUFEIRAS DO SALITRE E TREIXADURA COMPLETAN O CARTEL DE SONS DE ÁNKAR 2023

12/01/2024

2023.

O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, vén de anunciar o cartel completo do Festival Sons de Ánkar, que chega á súa cuarta edición e que este ano presenta varias novidades no que ao seu formato e datas de celebración se refire. Tal e como xa se adiantou hai uns meses, a cita será o vindeiro 29 de abril no parque de Ánkar, en San Salvador, con entrada de balde. Ademais das Tanxugueiras, xa anunciadas no seu día, tamén actuarán en Poio outros dous grandes referentes da música do país, como son Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre e Treixadura. Os concertos darán comezo a partires das 19.00 horas.

“Contar con estes grupos,  que presumen dunha traxectoria moi ampla e que fala por si mesma, sen dúbida é a mellor das maneiras para estrear este novo formato do Sons de Ánkar”, apunta Martínez Blanco, que lembra que foi en 2020 cando esta cita comezou a celebrarse en Poio a principios de xullo. Despois de tres anos de éxito, “entendemos que é o momento axeitado para trasladalo á primavera e, desta maneira, axudar á dinamización da actividade hostaleira da zona, habida conta de que estamos a falar de artistas que a bo seguro atraerán a moito público doutros concellos da contorna”. Ademais, engade o titular de Festexos, “non hai que esquecer que esa fin de semana será máis longa do habitual, pola ponte de maio, polo que agardamos unha gran asistencia”.

Precisamente, Xabier Díaz xa sabe o que é actuar no Sons de Ánkar. O artista coruñés foi un dos protagonistas da primeira edición. Xa entón chegou acompañado polas Adufeiras de Salitre. Xuntos protagonizan un gran espectáculo musical, cun directo chego de potencia e no que a percusión é unha das grandes protagonistas. Pola súa banda, Treixadura tamén é un dos grupos máis emblemáticos de Galicia, logo de iniciar a súa traxectoria musical en Redondela hai xa máis de tres décadas.

Ambas formacións únense, desta maneira, a Tanxugueiras. Desde a súa estrea no ano 2018, o grupo formado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro e Aída Tarrío conta xa cunha consolidada traxectoria máis aló das fronteiras do país, grazas á mistura que nas súas composicións se fai da tradición milenaria cos ritmos urbanos, sempre coa linga galega como gran protagonista. As autoras de temas como Figa, Averno ou Terra  chegarán a Poio meses para presentar o seu último disco, Diluvio.  

Cómpre lembrar que, ademais do Sons de Ánkar, o ‘Primavera en Poio’ incluirá actuacións de orquestras en todas as parroquias de Poio, coas actuacións de América de Vigo (31 de marzo, porto de Raxó), Los Satélites (1 de abril, praza da igrexa de San Salvador), Panorama (2 de abril, Praza da Chousa de Combarro), Marbella (30 de abril, Praza Alfredo Romay de Samieira) e París de Noia, máis Los Coleguitas (16 de maio, Praza da Granxa de Campelo). “Continuamos coa nosa aposta de espallar por todas as parroquias as actuacións de grandes orquestras e grupos musicais, unha filosofía que terá continuidade, como xa é habitual, no período estival, coa chegada do programa Verán en Poio”, conclúe Xosé Luís Martínez.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio