Vilariño contará este ano cunha pista polideportiva que dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza

15/09/2025

A mesa de contratación propón adxudicar a obra á empresa EC. Casas, cun orzamento de 127.607,05 euros. Ángel Moldes: “a veciñanza de Vilariño leva décadas reclamando espazos de lecer, e moi pronto poderá desfrutar dunha infraestrutura pensada para todas as idades”.

O Concello de Poio dá un paso máis para materializar un proxecto agardado desde hai décadas pola veciñanza de Vilariño: a construción dunha pista polideportiva que será realidade antes de rematar o ano. A mesa de contratación propuxo esta semana adxudicar a execución da obra á empresa EC Casas, cun orzamento de 127.607,05 euros financiados integramente pola Deputación de Pontevedra.

A obra comezará a executarse durante o mes de outubro, cun prazo máximo de execución de tres meses, cumprindo así o cronograma marcado polo Concello de Poio e que segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, permitirá que, despois de décadas esperando, Vilariño conte este mesmo ano con esta instalación deportiva.

A pista polideportiva contará cunhas dimensións de 20×10 metros cadrados, contará con peche perimetral, porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto, rede para pista de tenis, voleibol ou bádminton, ademais de céspede fibrilado ideal para uso da cativada, iluminación con tecnoloxía LED e cumprimento de todas as normativas de seguridade para ofrecer aos usuarios un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas.

Esta nova área de lecer e de ocio instalarase na parcela que o Concello de Poio adquiriu a finais do ano pasado na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro. Unha localización céntrica, que facilita o acceso seguro e cómodo dende diversas zonas residenciais próximas.

Ángel Moldes destaca que “a veciñanza de Vilariño leva décadas reclamando espazos de lecer, e moi pronto poderá desfrutar dunha infraestrutura pensada para todas as idades”. Neste senso, engade que “este proxecto é unha mostra máis do compromiso do Goberno local coa mellora dos espazos públicos e co cumprimento dos compromisos que adquirimos coas nosas veciñas e veciños”. Ademais, lamenta que “foron moitos anos de espera para contar cun espazo deportivo neste lugar. Tantos, que aqueles nenos aos que lle prometeron no seu día este proxecto, hoxe xa son adultos. Agora, por fin, será unha realidade”.

Con este tipo de investimentos, o Concello de Poio reafirma a súa aposta por ofrecer espazos de lecer e deportivos de calidade para as familias do municipio. Esta actuación súmase a outros proxectos executados nos últimos meses polo Concello de Poio en materia de lecer e deporte, como a inauguración do primeiro circuíto pump track na Seca —xa consolidado como punto de encontro da mocidade—, a adquisición de terreos para construír o primeiro parque infantil público en Samieira, ou a renovación do parque infantil de Ánkar, que se converterá nun espazo temático dedicado a Cristóbal Colón, entre outros. Tamén se traballa na remodelación do parque Costa Xiráldez, actualmente en fase de tramitación de permisos.

“O noso compromiso coas familias de Poio é firme”, asegura Moldes. “Traballamos a diario para captar financiamento e executar proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza, ofrecendo espazos seguros, atractivos e de calidade, porque iso repercute directamente no seu benestar”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio