A Comisión de Urbanismo aproba o anteproxecto dos novos apartahoteis, que xa contan coa autorización de Turismo de Galicia e sumarán case 50 prazas á oferta de aloxamento en Samieira. Para Rocío Cochón, “Poio está en pleno crecemento”, atraendo iniciativas turísticas, residenciais ou empresariais, que “terán sempre a porta aberta e colaboración do goberno local para crear riqueza e emprego”.
A concelleira de Urbanismo de Poio, Rocío Cochón, anunciou esta semana a próxima construción de dous novos hoteis-apartamento no Covelo, na parroquia de Samieira, logo da aprobación do anteproxecto na Comisión Informativa de Urbanismo.
Trátase de dous apartahoteis de categoría tres estrelas, que xa contan coa autorización de Turismo de Galicia. Os establecementos ocuparán parcelas contiguas e contarán con 8 apartamentos cada un, sumando un total de preto de 50 novas prazas de aloxamento de calidade á oferta turística en Samieira.
Durante unha visita ao emprazamento, Cochón destacou que Poio “está en pleno crecemento”, xa que segue atraendo emprendedores, veciños e visitantes. Así, recordou que nos últimos meses estanse dando a coñecer numerosas iniciativas turísticas, pero tamén residenciais e empresariais.
A edil quixo agradecer a todos os que están confiando no potencial de Poio e escollen este municipio para os seus proxectos, e garantiu que “terán sempre a porta aberta e toda a colaboración do goberno local para xerar riqueza e emprego e seguir facendo de Poio “o mellor lugar para vivir, traballar, investir e visitar os 365 días do ano”.