O goberno municipal convocará proximamente á Mesa de Turismo para analizar os excelentes datos da tempada estival, con máis dun 75% de ocupación e case 10.000 visitantes atendidos nas Oficinas de Turismo, e concretar a estratexia para os próximos meses.
A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, salientou o compromiso do Goberno local de “contar con todo o sector do turismo” do municipio para seguir consolidando un destino sostible, internacional, desestacionalizado e de calidade, referente turístico nas Rías Baixas.
Fíxoo logo dunha reunión de traballo no Casal de Ferreirós, no que analizou xunto ás técnicas da Concellería, os datos turísticos correspondentes á tempada estival, que cualificou de “sobresaíntes”. Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, Poio tivo unha media de ocupación global do 75% nas 4.495 prazas de aloxamento dispoñibles no municipio, co dato destacado de agosto, no que a ocupación promedio superou o 93%, o que supón na práctica a “plena ocupación). Ademais, as oficinas de información municipal atenderon nese período a 9.772 persoas, a gran maioría de procedencia nacional. Así mesmo, o turismo náutico foi outra fonte de boas noticias durante o verán, cun 87% de ocupación no Náutico de Combarro e un 100% entre o 15 de xullo e o 31 de agosto.
Cochón indicou que os datos polo miúdo se abordarán nunha próxima convocatoria da mesa de Turismo, pero este primeiro balance é “o mellor aval para redobrar esforzos na boa dirección, a de avanzar na desestacionalización e a diversificación, con enfoques que permitan captar novos fluxos de viaxeiros durante todo o ano, incidindo na sustentabilidade e en maximizar os efectos positivos para todos os axentes económicos e sociais e para a veciñanza. A Mesa de Turismo de Poio reúne a máis de 20 representantes das actividades turísticas, administracións, grupos políticos así como o tecido asociativo e veciñal.
Na mesa tamén se darán a coñecer datos sobre as iniciativas impulsadas desde a Concellería nos últimos meses e que, segundo Cochón, tiveron “moi boa acollida”, como as Xornadas de Emprendemento no Camiño, a Campaña “Verán Único”, a Formación de Guías para Tambo e Combarro ou iniciativas gastronómicas como as Xornadas da Ameixa e o Tapea Poio, editamos novo material turístico como o folleto de Tambo, un novo folleto sobre patrimonio (Combarro y Tambo), e realizouse tamén unha nova impresión das principais guías e folletos de turismo de Poio e iniciativas impulsadas desde o Concello ou en colaboración con distintas entidades e administracións
Nese sentido, a edil destacou que o seu departamento vai seguir impulsando propostas pioneiras e innovadoras dentro da estratexia “Poio Único”, centradas no turismo natural, gastronómico, deportivo, mariñeiro ou xacobeo.
Finalmente, Cochón agradeceu a colaboración de empresas, profesionais, asociacións e de toda a veciñanza por contribuír a que Poio estea de moda: “Queremos seguir consolidándonos como destino sostible, internacional, desestacionalizado e de calidade, e podemos facelo grazas a contar cun sector punteiro e un patrimonio natural, cultural e humano únicos”