Ángel Moldes, que participou na inauguración, incidiu na importancia de rachar estigmas que aínda perduran, actitudes negativas ou discriminatorias que dificultan a integración.
Os usuarios da Asociación Alba expoñen, ata o próximo 24 de outubro, os seus traballos no Pazo Besada. Esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Natividad Torres, participaron na inauguración da mostra, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.
Este 10 de outubro incídese no vínculo que hai entre o traballo e a saúde mental, e Ángel Moldes apelou á importancia de rachar “todos eses estigmas que aínda perduran, actitudes negativas ou discriminatorias que dificultan a integración”. Por iso, felicitou o traballo e a labor “tan importante” que desenvolve a Asociación Alba, “un apoio fundamental para as persoas usuarias e tamén para as súas familias”.
Pola súa banda, desde a Asociación Alba recordan que o traballo é unha ocupación que dá ás persoas un sentimento de pertenza na sociedade, ao ser unha parte activa da mesma. Con todo, recordan que entre a poboación con problemas de saúde mental existe un baixo índice de inserción laboral, o que supón unha das principais barreiras de inclusión social, debido en gran parte ao estigma social que aínda existe.
Neste senso, recordan que na Asociación Alba traballan para favorecer unha vida digna para as persoas con enfermidade mental, mellorando a súa calidade de vida e o seu axuste psicosocial, o que se leva a cabo, en parte, a través de facilitar o acceso a diferentes recursos así como promovendo a súa participación en talleres ocupacionais, nos que se elaboraron algunhas das pezas de cerámica, barro, pintura e espello que se expoñen e poden adquirir no Pazo Besada.