Unha participación de récord para a Festa dos Maios de Poio

27/04/2026

Celébrase este venres na Praza do Mosteiro, a partir das 10.30 horas e están inscritos dezaséis participantes. Esta edición renderá homenaxe a Cándido Vicente “Canducho”, en agradecemento polo seu traballo na recuperación e continuidade dunha das festas con máis arraigo e tradición do municipio. “É un orgullo que consigamos facer crecer unha tradición con tanto arraigo no noso concello, transmitindo esta paixón xeración tras xeración”, sinala Ángel Moldes.

Poio celebrará este venres a Festa dos Maios 2026 cunha participación de récord: un total de dezaséis grupos inscritos. A cita terá lugar na Praza do Mosteiro a partir das 10.30 horas e converterá o centro da vila nun espazo cheo de cor, vexetación, música e sátira para dar a benvida á primavera.

O alcalde, Ángel Moldes, que presentou esta mañá a festa acompañado da concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e de representantes dos maios, destacou que Poio pode presumir de contar coa Festa dos Maios máis participativa e con maior calidade de toda a comarca. “É un orgullo que consigamos facer crecer unha tradición con tanto arraigo no noso concello, transmitindo esta paixón xeración tras xeración. Os maios continúan sendo unha festa moi nosa, mostra diso é que cada ano está espertando maior interese e con maior número de participantes”. Ademais, destacou que nesta festa involúcranse persoas de todo o municipio e, o máis importante, de todas as idades o que indica que esta tradición tan importante para Poio “continúa moi viva”.

Xa pola tarde os maios trasladaranse a Combarro, ás 17.00 horas, para participar na mostra organizada polo Ateneo Corredoira na Praza da Chousa.

Nesta edición participarán grupos como Armadiña, Rockeiriño, Vilariño, Laretas, Fontenla, Mare Podium, Pitufeiro, Isidoro, Pimpín, Ronsel, Maio Maiolo, Pequemaio, Pequecheiro e Boureante, aos que se suman como novidade Chupipandi e Marexeracións.

A Festa dos Maios 2026 servirá tamén para render homenaxe a Cándido Vicente Buceta “Canducho”, de 77 anos e veciño de Albar, polo seu papel fundamental na recuperación e continuidade desta tradición. A finais dos anos 70 participou activamente na súa revitalización xunto a outros veciños, contribuíndo a manter viva unha celebración que hoxe é un dos sinais de identidade do municipio. Canducho continúa a compoñer coplas, nas que aposta pola sátira e o respecto. Artífice tamén de instaurar en Poio o barco tradicional, facendo homenaxe á tradición mariñeira do municipio, apela á orixe enxebre e agrícola da festa.

No marco do concurso, o Concello de Poio repartirá preto de 5.500 euros en premios. Haberá tres premios na categoría mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), e mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, e mellor barco galego tradicional. Nestes catro grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Este ano, como novidade, amplíanse a cinco os premios na mellor actuación e, ademais dos primeiros tres clasificados, tamén se incluirán 4º premio (80 euros) e 5º premio (50 euros). A maiores, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas. Durante a deliberación do xurado, inclúese a actuación musical de Vides Novas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio