Unha obra de Isa Bermúdez ilustrará o muro do parque Costa Xiráldez, en Lourido

20/06/2024

O Fondo Galego de Cooperación organizou un concurso financiado pola Unión Europea e a Xunta en colaboración cos concellos de Poio, Moeche, Verín e Viveiro.

A obra de Isa Bermúdez ilustrará o muro do parque Costa Xiráldez, en Lourido, tras ser unha das propostas seleccionadas no concurso de murais “People & Planet”, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

No caso de Isa Bermúdez, nada en Alemaña e residente en Carballo, o xurado valorou a capacidade da súa obra “A Viaxe” para crear e representar unha historia na que unha rapaza busca unha lagoa non contaminada para devolver ao seu amigo peixe á casa. Ademais, faino cun debuxo propio, dividido en seccións, qeu encaixa coa contorna do parque de Lourido.

Este é o segundo ano no que o Fondo Galego de Solidariedade convoca o Concurso de Murais People & Planet, dirixido á mocidade de 18 a 35 anos, co que colaboran os concellos de Poio, Viveiro, Verín e Moeche, e que está financiado pola Unión Europea e a Xunta de Galicia. Xunto con Isa Bermúdez, ilustrarán o resto de murais dos outros tres concellos as propostas de Mikel Erkiaga, Noé Peiró e Raúl del Carmen.

Estas catro propostas foron as que, segundo o xurado do certame, mellor ilustraron o obxectivo de desenvolvemento sostible número 6, que chama a garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas. As autoras e autores gañadores viaxarán proximamente a Cabo Verde, co fin de coñecer a realidade dun país da África lusófona co que o Fondo Galego leva colaborando dúas décadas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio