O recinto viviu onte unha noite multitudinaria cos espectáculos das orquestras Panorama e Marbella. Esta noite Capitol e Kubo porán a música na Seca, onde tamén haberá un espectáculo de fogos de lucería.
As festas de San Xoán chegan á súa recta final en Poio cunha xornada especialmente pensada para as familias. Será mañá, sábado, cando a Seca se transforme nun gran espazo de diversión infantil a partir das 18.00 horas, con inchables de auga e animación musical. Todas as actividades serán totalmente gratuítas.
Con esta proposta, o Goberno local consolida unha tradición que xa vén repetindo nos últimos anos: despedir as festas de San Xoán cunha gran festa infantil, reforzando a súa aposta por unha programación pensada para todos os públicos e na que as familias teñen un papel protagonista.
O recinto da festa encheuse na noite de onte para gozar das actuacións das recoñecidas orquestras Panorama e Marbella. A verbena transcorreu con total normalidade e nun ambiente moi festivo, confirmando a elevada participación que está a rexistrar esta edición das festas.
Ademais, o Punto Lila do Concello de Poio mantívose operativo como espazo de información, sensibilización e atención fronte ás violencias machistas. Preto de 300 persoas achegáronse ao posto para solicitar información e asesoramento. Desde o Concello, agradecen o traballo da Policía Local, da Garda Civil e do voluntariado de Protección Civil de Poio, cuxa coordinación contribuíu a que a festa se desenvolvese con total normalidade.
Hoxe será a quenda das orquestras Capitol e Kubo, que porán o broche musical á última gran verbena das festas. A xornada completarase cun espectáculo de fogos de lucería, que servirá para despedir unha nova edición do San Xoán de Poio.
O Concello de Poio anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta última xornada festiva e a desfrutar dunha programación deseñada para todas as idades.