Ángel Moldes subliñou que isto é o que demanda a veciñanza: que os bombeiros de Pontevedra realicen servizos no municipio. Unanimidade tamén para amosar o apoio do Concello de Poio ao sector do mar ante a aplicación do novo regulamento de control.
A corporación municipal de Poio acordou por unanimidade solicitar a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra e, deste xeito, garantir que poida atender as emerxencias e reducir o tempo de espera no municipio. Foi durante a sesión plenaria do mes de xaneiro, celebrada onte, na que o alcalde, Ángel Moldes, propuxo unha emenda á moción presentada polos socialistas respecto ás emerxencias en Poio.
“Este Goberno, como xa fixo cando estaba na oposición, reclama e defende a comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra”, subliñou durante a súa intervención, na que deu a benvida ao resto de grupos “a defender por fin o mesmo que reclama a veciñanza, que é que os bombeiros de Pontevedra realicen servizos no noso municipio”.
Nesta liña, apuntou que “ese parque presenta unha situación paradóxica, xa que, pese a estar situado en termo municipal de Poio e resultar o máis próximo ás zonas limítrofes do noso concello, non presta servizo salvo circunstancias excepcionais”. Pola contra, nas emerxencias que se producen en Poio deben actuar os bombeiros do GES de Sanxenxo ou do parque comarcal situado en Ribadumia, cun tempo de desprazamento de entre 20 e 30 minutos, respectivamente. Tanto a uns como a outros profesionais, o alcalde agradeceu o seu traballo e implicación en cada unha das emerxencias que se producen no municipio.
Moldes recordou que Poio non ten competencias en materia de emerxencias ao ser un concello de menos de 20.000 habitantes e que xa houbo intentos para avanzar na comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra no ano 2018, un intento “fallido” ao atopar o rexeitamento do anterior goberno da Deputación de Pontevedra e, incluso, do Concello de Poio. Con todo, avanzou que, na actualidade, o Goberno provincial xa está mantendo conversas “moi positivas” co Concello de Pontevedra para dar un novo impulso á comarcalización do parque local da cidade.
Entre os puntos aprobados inclúese que o alcalde asuma a responsabilidade directa na situación actual e lidere de maneira inmediata unha reclamación institucional formal ante a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia; apoiar a comarcalización dos parques de bombeiros impulsada pola Xunta, a Fegamp e as deputacións provinciais, colaborando no posible nas accións do grupo de traballo polas emerxencias; propoñer que, unha vez comarcalizado, o parque de Pontevedra atenda de maneira preferente as emerxencias producidas nas parroquias máis próximas; esixir á Deputación que adopte de maneira urxente as medidas necesarias para cubrir as vacantes existentes; e instar á Xunta de Galicia a avaliar de maneira inmediata a cobertura real da comarca e garantir que ningún concello quede sen atención efectiva.
APOIO AO SECTOR DO MAR
Por outra banda, a corporación municipal aprobou tamén por unanimidade amosar o apoio do Concello de Poio ao sector do mar ante a aplicación do novo regulamento de control. A concelleira Rocío Cochón explicou que, aínda que xa existe un preacordo entre o sector e o Goberno central, resulta fundamental continuar apoiando as demandas da frota galega, na que se inclúen numerosas familias do municipio.
Segundo sinalou, a aplicación dun sistema de control prexudicial podería ter consecuencias moi graves para o futuro do sector, non por unha mala praxis dos profesionais, senón pola inseguridade xurídica e pola falta de recursos para poder aplicar correctamente a normativa, o que derivaría en sancións económicas moi elevadas.
Neste sentido, a corporación amosou a súa solidariedade cos pescadores e profesionais do mar, apoiando as súas demandas e respaldando as mobilizacións derivadas da aplicación do novo Regulamento europeo de control pesqueiro. Así mesmo, acordouse reclamar ao Goberno central a adaptación da aplicación da norma para evitar cargas administrativas desproporcionadas que afectan ao traballo dos pescadores, á seguridade da navegación e das tripulacións e á sustentabilidade financeira do sector; activar todas as exencións, flexibilidades e períodos transitorios previstos pola normativa europea para a frota de menor tamaño, incluídos os barcos de 12 ou menos metros de eslora; poñer en marcha un programa específico de apoio que inclúa financiamento para a adquisición de equipos electrónicos, formación e asistencia técnica; establecer un marco transitorio de aplicación que evite sancións ou penalizacións ao sector e, por último, defender ante a Comisión Europea a necesidade de establecer períodos de adaptación razoables e medidas de flexibilidade para as frotas de pequena escala.
GARANTÍA DE SEGURIDADE NOS EVENTOS DO NADAL
Por último, antes de dar por concluída a sesión plenaria, a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, informou de que todas as actividades organizadas polo Concello de Poio durante o Nadal contaron cos correspondentes permisos e autorizacións administrativas, garantindo en todo momento a seguridade das persoas participantes en cada un dos eventos programados. Neste sentido, sinalou que tanto a carpa Poio Máxico como a cabalgata dos Reis Magos e o resto das actividades desenvolvidas durante as festas cumpriron coa normativa vixente e coas medidas de seguridade esixidas, citando e amosando os documentos oficiais que o avalan.