“O noso municipio conta cun tecido asociativo moi dinámico e comprometido. Non se trata só do número de entidades que existen, senón da calidade e diversidade das actividades que impulsan ao longo de todo o ano. Con estas achegas, desde o Concello queremos reforzar o seu labor e garantir que poidan continuar coa súa importante función social e cultural”, sinala Fran Dasilva.
Un total de 24 eventos lúdicos organizados por colectivos e asociacións locais recibirán fondos do Concello de Poio a través das subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización deste tipo de actividades, entre as que se inclúen festas patronais, parroquiais, gastronómicas, festivais, magostos ou calquera outro tipo de eventos.
Segunda explica o concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, o reparto destas axudas fíxose, exclusivamente, por concorrencia competitiva, asegurando así unha concesión e xestión dos fondos transparente, obxectiva e equitativa. O Concello de Poio destinou para este plan de axudas 64.100 euros, que se dividen en dúas liñas, unha para actividades lúdicas e outra destinada especificamente para magostos que, polo seu arraigo, se levan a cabo nas diferentes parroquias. “O noso municipio conta cun tecido asociativo moi dinámico e comprometido. Non se trata só do número de entidades que existen, senón da calidade e diversidade das actividades que impulsan ao longo de todo o ano. Con estas achegas, desde o Concello queremos reforzar o seu labor e garantir que poidan continuar coa súa importante función social e cultural”, sinala.
O listado de eventos que contarán este ano con fondos municipais pódese consultar no Taboleiro de Anuncios. Na liña 1 inclúense o Festival Armadiña Rock, que se celebra esta fin de semana en Combarro, a Festa da Merced, a Romaría Tradicional Gaiteiro Manuel Villanueva, a Festa do Carme de Campelo, a Festa Virxe da Renda, Festa de San Salvador, Festa dos Callos, Festa do Rosario, Semana Cultural de Combarro, Festa de San Roque, Festa do Carme de Combarro, Festa da Fátima, Rapa das Bestas da Escusa, Festa do Carme e dos Dores, Festa de San Antón, Festa de San Gregorio e Festa da Saleta.
No caso dos magostos, recibirán subvención os organizados en Samieira (SCD Samieira), Campelo (AAVV de Campelo), San Salvador (AC Viñas de San Salvador), Sartal (ACV Ronsel), Vilariño (AAVV. C. Recreativa Vilariño), Combarro (Ateneo Corredoira) e Raxó (AC Festas de Raxó).
A estas liñas de subvencións puido optar calquera entidade inscrita no rexistro municipal de asociacións do Concello de Poio ou comisión de festas que organice algunha actividade ao longo do ano. Á hora de valorar as propostas, a comisión de valoración tivo en conta aspectos e criterios como a programación da actividade, as festas de carácter parroquial que constitúen un valor especial do patrimonio inmaterial ou o orzamento total subvencionable, o arraigo que supón para a poboación esa actividade así como a súa duración.