Inclúe tres liñas de subvencións: clubs e entidades deportivas, deportistas individuais e clubs de fútbol veteranos.
Un total de 20 clubs e deportistas locais recibirán este ano fondos do Concello de Poio, a través das subvencións que se outorgan, por concorrencia competitiva e de xeito transparente, obxectivo e equitativo, para apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.
O programa inclúe tres liñas de subvencións, destinadas para clubs e entidades que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións; deportistas federados empadroados en Poio cunha antigüidade mínima de un ano e que compitan en modalidades deportivas de carácter individual; e clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.
O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, sinala que “estas axudas son unha ferramenta fundamental para apoiar o tecido deportivo local e recoñecer o esforzo dos clubs e deportistas que levan o nome de Poio dentro e fóra de Galicia”. Así mesmo, subliñou que “desde o Concello seguiremos traballando para fortalecer o deporte de base e federado, porque entendemos que é un piar esencial para a saúde, a educación e a convivencia”.
A través da liña 1, repartíronse 28.500 euros entre o Poio Bike Club, a Escola de Piragüismo de Poio, Club Atlético Combarro, Club Poio Fútbol Sala, Balonmán Poio-Artai, Club Ciclismo Triatlón Poio, Club Deportivo 7 a 9, Club Saraiba E.D. Poio, Sociedade Cultural Deportiva Poio e Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña.
Para a liña 2 destináronse 3.190 euros, e os deportistas individuais que reciben axuda son Nicolás Braña Rial, Lorena Nieto Pérez, Iria Tilve Señoráns, Sofía Fernández Fernández, Carla García Vicente, Antonio Castiñeira Ucha e Carolina Santos Villalón. Por último, na terceira liña, con 1.350 euros en total, resultaron beneficiarios Poio Bar Monterrei, Club Sporting Campelo e Alt. Peña Racing. Estas subvencións son compatibles con outras axudas ou ingresos que reciban os beneficiarios doutras entidades públicas ou privadas.
Estas axudas son compatibles con outras subvencións ou ingresos procedentes doutras entidades públicas ou privadas, e poden destinarse a sufragar gastos como licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.
Ademais desta liña de axudas, o Concello de Poio tamén repartiu o pasado curso 74.000 euros entre catorce clubs para colaborar co desenvolvemento das escolas deportivas municipais, que contaron con 740 alumnos inscritos.