Un total de 20 clubs e deportistas locais reciben fondos do Concello de Poio

15/07/2024

Este ano ampliouse a tres as liñas de subvencións, e ademais de incluír clubs e deportistas federados, tamén engade como principal novidade equipos nas categorías de veteranos.

Un total de 20 clubs e deportistas locais recibirán este ano fondos do Concello de Poio, a través das subvencións que se outorgan, por concorrencia competitiva e de xeito transparente, obxectivo e equitativo, para apoiar e fomentar as actividades deportivas desenvoltas polos clubs e deportistas individuais beneficiarios, colaborando deste xeito co financiamento dos custos económicos da súa participación en competicións de carácter federado.

Este ano ampliouse a tres as liñas de subvencións, polo que ademais de incluír clubs e deportistas federados empadroados en Poio, tamén se engaden clubs de fútbol con equipos que disputen competicións nas categorías de veteranos.

Así, na liña 1, repartíronse 28.150 euros entre o Fútbol Sala Poio, Triatlón Poio, A.C.D.M. Armadiña, Escola de Piragüismo Poio, Poio Bike Club, Marítimo Combarro, Balonmán Artai, Saraiba e Atlético de Combarro. Para a liña 2 destináronse 4.000 euros, e os deportistas individuais que reciben axuda son Sabela Martínez, Peón, Lorena Nieto Pérez, Carlonia Mastawesha Santos Villalón, Nicolás Braña Rial, Iria Tilve Señoráns, Xulia Losada Carramal, Martín Expósito Rial, Marco Utesá Mosquera, Diego Piñeiro Pereira e Lola Ferro Guiance. Por último, na terceira liña, resultou beneficiario o Club Poi Bar Monterrei. Estas subvencións son compatibles con outras axudas ou ingresos que reciban os beneficiarios doutras entidades públicas ou privadas.

Entre os gastos subvencionables inclúense, por exemplo, licencias federativas, seguros deportivos de accidentes e responsabilidade civil, cotas de inscrición en competicións federadas, gastos de transporte, manutención e aloxamento para asistir a competicións, salarios de adestradores, e outros gastos propios da participación en competicións federadas que deben asumir os clubs, e todos eles correspondentes á tempada que abranga entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024.

Ademais desta liña de axudas, o Concello de Poio tamén repartiu este ano 72.980 euros entre quince clubs para colaborar co desenvolvemento das escolas deportivas municipais, que contaron con 725 alumnos inscritos.

O orzamento do Concello de Poio conta con preto de 300.000 euros para apoiar a todo o tecido asociativo municipal, a nivel cultural, deportivo, igualdade… nunha aposta clara para apoiar aos colectivos, clubs, asociacións e entidades e toda a actividade que organizan ao longo do ano e que repercute, de xeito directo, nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio